XUNTA DE GOBERNO

A nova ordenanza de terrazas delimita espazos e introduce melloras estéticas

23/01/2012 Tras a súa aprobación na Xunta de Goberno, a concelleira de Urbanismo, María Pardo, explicou o proxecto de ordenanza municipal reguladora das terrazas e quioscos de hostalería. Esta norma ofrece un marco máis normativo máis amplo, con maiores posibilidades para os titulares destas instalacións. Regúlase o mobiliario, os tipos de instalacións autorizables, as modalidades de ocupación e as particularidades da instalación de terrazas en espazos libres privados, ademais do réxime de sancións.

María Pardo indicou que esta ordenanza responde á inexistencia ata o momento dunha regulación específica para as terrazas. Unicamente existían mencións na ordenanza reguladora da ocupación da vía pública e no Plan Especial, pero "nin sequera había un réxime sancionador", apuntou. Por isto, créase unha norma que, segundo a edil, "delimita mellor os espazos, introduce melloras estéticas e establece a posibilidade de concesións anuais ou de temporada, contribuíndo a dinamizar a hostalería e a crear emprego, ademais de incrementar os ingresos por licenzas e potenciar o atractivo turístico da cidade".

Entre as novidades citou a regulación dos cerramentos, permitindo os mesmos mediante xardineiras, mamparas de madeira ou mesmo cristal. En calquera caso, os materiais destes cerramentos e do mobiliario deberán ser previamente homologados, presentando os hostaleiros unha proposta de modelos. Corresponderalle á Comisión Asesora do Casco Histórico a aprobación destes modelos e decidir qué espazos, efectivamente, poden ser delimitados. Nos casos en que non sexa posible a colocación de mobiliario delimitador, as zonas habilitadas como terraza acoutaranse mediante uns cravos metálicos no chan.

En canto aos horarios das terrazas, establécese como horario de peche xeral as 23:30 horas de domingo a xoves, prolongándose ás 0:30 horas os venres e sábados, podendo ampliarse en períodos de festas. Tamén se establece unha excepción durante os meses de maio, xuño, xullo, agosto e setembro, nos que o horario de peche se estenderá ata as 1:00 horas.

Hai algún cambio igualmente no tipo de cadeiras e mesas autorizadas. Fronte ao modelo único anterior de módulos dunha mesa e catro cadeiras, agora permítese o dunha mesa e dúas cadeiras e o dunha mesa alta e catro banquetas, con fin todo isto de facilitar o aproveitamento do espazo.

Quioscos de hostalería e patios privados
Outra das novidades é a autorización de quioscos permanentes ao modo do situado na Alameda. De forma consensuada cos hostaleiros permitiranse estas instalacións, que permitirán dinamizar determinados espazos da cidade, en palabras da concelleira.

María Pardo tamén se referiu á regulación dos patios privados de hoteis, establecementos hostaleiros ou centros comerciais, que en todo caso deberán respectar a ordenanza de ruídos.

En canto ao réxime de sancións, fíxanse tres graos: faltas leves, con multas de ata 750 euros; graves, penadas con ata 1.500 euros e a revogación da licenza; e moi graves, con multas de ata 3.000 euros e a revogación da licenza.

Tras a aprobación pola Xunta de Goberno, a ordenanza será sometida á aprobación inicial do Pleno na sesión ordinaria do xoves 26 de xaneiro. Logo do período de alegacións –no cal a concelleira convidou os cidadáns a participar- volverá ao Pleno de marzo para a aprobación definitiva. Entrará en vigor unha vez sexa publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Melloras no tráfico nas Cancelas
A voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, deu conta do resto de asuntos tratados na sesión ordinaria, como aprobación da sinatura dun convenio coa entidade As Cancelas S.XXI para a execución de actuacións de mellora do tráfico rodado nas inmediacións do Centro Comercial As Cancelas. Trátase de intervencións en tres ámbitos: intersección da avenida de Xoán Paulo II coa rúa das Cancelas e a rúa do Doiro; intersección da avenida de Rodríguez de Viguri coa avenida do Camiño Francés e coa praza de España; e intersección da avenida de Rodríguez de Viguri coa avenida do Cruceiro da Coruña.

Derrubas en execución de sentenzas
Na reunión tamén se adxudicaron tres obras de demolición de edificacións auxiliares, en execución de sentenzas xudiciais por carecer os propietarios da correspondente licenza. O pago destas derrubas correspóndelle ao propio infractor. As obras demoleranse nos lugares de Suarribas-Cruz da Nogueira (25.686 euros), Pai da Cana-Conxo (21.012 euros) e Santa Eulalia de Bando-Zarramacedo (25.312 euros)

Servizo de vixilancia do estadio de San Lázaro
O Goberno local deu o visto bo ás novas bases do concurso para a adxudicación do servizo de vixilancia do Estadio de San Lázaro. Determinarase por un ano, prorrogable por outro, e por un importe de 88.712 euros (IVE incluído).

Actividades socioculturais
En materia de Centros Socioculturais, aprobáronse os gastos e a previsión de ingresos do programa base de actividades socioculturais durante o período de xaneiro a agosto de 2012, por un importe de 110.000 euros.

Emuvissa
Na sesión deuse conta igualmente dos acordos adoptados no Consello de Administración da Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Santiago (Emuvissa) celebrado o 13 de xaneiro. En concreto, tratábase dos acordos relativos á suspensión temporal das urbanizacións dos SUNP-37.3 (Costa Vella), do SUNP-38 (Formarís) e da primeira fase do enlace da N-550 cos devanditos polígonos, ademais da suspensión temporal da urbanización do SUNP-11 do Castiñeiriño.

Atención á dependencia
Finalmente, Paula Prado referiuse ao convenio asinado polo Concello e a Consellería de Traballo e Benestar para o compartimento dos sistemas de información do Sistema Galego de Atención á Dependencia (SIGAD). Segundo explicou, este acceso ao SIGAD facilitará o labor das traballadoras sociais para ver o estado dos expedientes de dependencia, xa que da presenza dos beneficiarios nesta base de datos autonómica depende a percepción de determinadas axudas.

Compartir: