CULTURA

A Banda Municipal celebra outro concerto do ciclo de Novos Intérpretes Galegos

20/01/2012 A Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela celebra o domingo 22 un novo concerto do ciclo de Novos Intérpretes, unha das novidades mais interesantes da programación 2011-2012. Este ciclo inclúe sete concertos nos que a Banda Municipal contará ao longo da tempada con sete solistas diferentes. Desta vez será Carlos Seráns Santos, que toca un instrumento pouco habitual no ámbito dos solistas, a tuba.

Trátase de sete mozos galegos con idades comprendidas entre os 15 e os 25 anos e que están levando a cabo os seus estudios musicais tanto en Galicia como no estranxeiro. Con esta iniciativa, a Banda Municipal pretende poñer en valor o gran talento dos mozos galegos e o sacrificio e a continuidade que supón estudar unha carreira musical.

Nesta ocasión, o domingo 22 de xaneiro, o solista convidado é Carlos Seráns Santos que naceu en Santiago de Compostela no ano 1985. Comeza os seus estudos musicais aos once anos co seu pai, e máis tarde pasa a formar parte da Banda de Música de Catoira. Cursou estudos de Grao Medio de piano e tuba no conservatorio Martín Millán de Vilagarcía.

Estuda o Grao Superior de Tuba no Conservatorio Superior de Música de Vigo e Maxisterio Musical na Universidade de Santiago de Compostela. Realiza diversos cursos de formación con mestres como José Luís Vázquez Vidal, Jos Wuytack, Miguel Navarro, Miguel Vallés, Mel Culbertson, José Varela Pardo ou Sergio Finca. En 2009 e 2010 colabora coa Escola de Altos Estudios Musicais de Santiago de Compostela en diversos encontros de práctica orquestral con maestros como: Eric Terwilliger, Klaus Becker, Javier Estellés, Maximino Zumalave...

Formou parte da Banda Filharmónica de Galicia e da Banda Sinfónica de Vigo, e colabora con numerosas bandas de música: Padrón, Artística de Merza, Unión Musical de Ponteledesma, Rianxo, Solfa, Municipal de Pontevedra, Celanova, Bandeira....

É membro fundador do Quinteto de Metais Samaín, que ofrece concertos didácticos nos diferentes centros de educación primaria, infantil e secundaria e tamén concertos de diferentes estilos musicais por toda Galicia. Participa tamén no proxecto Musigalizando, campamento musical organizado pola Asociación Solfa en colaboración coas Bandas de Rianxo e Ribadumia dende a súa fundación en 2007 ata o último realizado en 2011.

É tuba da Banda Sinfónica da FGBMP, do Quinteto de Metais Samaín e da Banda da Agrupación Musico-Cultural de Ribadumia, e mestre na escola de musica de Ribadumia.

A cita para este concerto, con entrada de balde, será o domingo, ás 12:00 horas, no Principa,l co programa:
- O Morcego,de J. Strauss
- Concerto para Tuba, de Edward Gregson
- Boris Goudunov, de Modest Mousorgski
- Charles Chaplin, de Chaplin/Delangue/Wilson

Compartir: