CULTURA

Compostela Rock continúa con Corizonas, Diamond Dogs, Cooper e Mark Lanegan

27/01/2012 Compostela Rock, nova aposta da Concellaría de Cultura, inaugurouse o sábado 14 de xaneiro cos irlandeses The Answer, na Sala Capitol. O concerto foi un éxito e máis de 500 persoas gozaron da banda, elixida por AC/DC como teloneiros na súa última xira mundial, que chegaba a Compostela para dar o único concerto en Galicia. O ciclo continua agora con Corizonas, Diamond Dogs+Sugar Mountain, Cooper e Mark Lanegan+Creature with The Atom Brain, e xa en maio con Toy Dolls e Leiva. Todos na Sala Capitol.

Corizonas son os próximos convidados do ciclo e chegarán a Compostela o venres, 10 de febreiro nun concerto no que se presenta a nova banda en Galicia e ofrecen en directo os temas do seu novo disco, The News Today. As entradas, 15 euros anticipada e 18 euros na billeteira, poden mercarse xa na rede Ticketmaster, incluída a súa web, Discos Gong, Carrefour, FNAC, Halcón Viajes, Tendas Tipo, A Reixa Tenda, www.iwanna.org e www.salacapitol.com.

En febreiro tamén, o día 25, temos o terceiro concerto do ciclo, nesta ocasión con Diamond Dogs, que terán como teloneiros aos Sugar Mountain. Os suecos chegan a Compostela para presentar o seu novo álbum, Set Fire To It All, capitaneados por dous dos guitarras máis importantes que tiveron: International Fred e Lars Karlsson. Acompáñanos como teloneiros os galegos Sugar Mountain, que presentan un amplo repertorio dos seus discos e novas cancións da súa próxima gravación.

Cooper chega o 1 de marzo para presentar en Galicia o seu novo disco, Mi universo, co que logran actualizar un xénero, como é a música beat, facendo que soe á vez clásica e moderna, persoal e universal. O grupo é un proxecto musical formado por Alex Díez e os seus amigos nos primeiros meses do ano 2000.

E en marzo, o 28, estará en Compostela Rock Mark Lanegan con Creature with The Atom Brain. Lanegan promete unha noite memorable na que presenta en Galicia Blues Funeral, o seu novo disco tras oito anos dende o último. Como banda teloneira actuarán os belgas Creature with the Atom Brain, que contan entre as súas filas con Aldo Struif (ex Millionaire).

Compartir: