TURISMO

O alcalde presenta en Fitur un vídeo para a promoción internacional da cidade

19/01/2012 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, presentou en Fitur a xornalistas e profesionais do sector un novo vídeo promocional co que Turismo de Santiago pretende promocionar a cidade nos mercados internacionais. O alcalde estivo acompañado pola concelleira de Turismo, Reyes Leis, quen presentou a nova guía profesional do Santiago de Compostela Convention Bureau, o servizo de Turismo de Santiago encargado da promoción da cidade como destino para a celebración de congresos, encontros, xornadas, etc.

O novo vídeo promocional de Turismo de Santiago súmase e complementa o vídeo anterior, Santiago é grande. Trátase dun spot de algo máis de dous minutos de duración no que se presenta unha cidade tranquila, verde, monumental, pola que pasear con calma e cun halo de maxia e misterio. O vídeo está protagonizado por unha moza asiática, como unha referencia clara á captación dun perfil de turista importante para a cidade. Un turista novo e global, que busca espazos tranquilos pero cheos de historia e cultura, nos que relaxarse.

O vídeo inclúe tamén a Cidade da Cultura, de Peter Einsemann, como un novo e potente atractivo da cidade, que non aparecía en Santiago é grande. O novo vídeo poderá verse na web de Turismo de Santiago e na súa canle de youtube. Ademais, será unha ferramenta promocional que se proxectará en las diferentes feiras e presentacións ás que asista a empresa municipal de promoción turística.

A concelleira de Turismo, Reyes Leis, aproveitou tamén a presenza de Santiago en Fitur para presentar a nova guía profesional do Santiago de Compostela Convention Bureau. Trátase dun libro pensado por e para os profesionais do sector que toman as decisións acerca de onde celebrar os congresos. A guía, dun modo moi visual, sinxelo e práctico, presenta os múltiples atractivos e recursos cos que conta a cidade: final do Camiño de Santiago, Patrimonio da Humanidade, cultura, gastronomía, arquitectura contemporánea..., ademais dunha ampla oferta hoteleira e diversidade de espazos nos que realizar calquera tipo de evento.

Documentos relacionados



Compartir: