MOBILIDADE

Medra o nivel de satisfacción dos usuarios coas frecuencias e coa puntualidade do servizo de transporte urbano

19/01/2012 O concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Tráfico, Albino Vázquez, deu conta dos datos da última enquisa sobre o nivel de satisfacción dos usuarios do transporte urbano. Os viaxeiros concédenlle unha nota global de 7,37 fronte ao 6,95 da enquisa do ano anterior, incrementándose a súa valoración de frecuencias e puntualidade.

Albino Vázquez destacou o maior grao de satisfacción cando se lles pregunta pola puntualidade aos usuarios do transporte urbano, que conceden unha nota de 7,59, fronte ao 6,52 da anterior enquisa. En canto ás frecuencias de paso, a nota pasa de 6,04 a 6,76. Segundo o concelleiro, este nivel de agrado repercute nun incremento de usuarios. Así, recordou, "de setembro a decembro incrementouse o número de viaxeiros en 70.000", acrecentando así a cifra de usuarios anuais do servizo, situada en torno aos sete millóns.

Entre os datos subliñados polo edil tamén está o da limpeza, cuxa puntuación pasa de 7,07 a 7,46. Tamén importante é o aumento do 4% (do 42% ao 46%) na porcentaxe de usuarios que empregan o bono ordinario, porque "representa unha mellora na fidelización dos usuarios". Igualmente, subiu do 53% ao 54% o nivel de coñecemento tarifario.

Na enquisa, sen custo para o Concello e realizada pola concesionaria do servizo de transporte urbano Tralusa, preguntouse a 800 usuarios, cunha mostra representativa das distintas liñas e frecuencias. Para Albino Vázquez, as súas conclusións son positivas, pero sobre todo "un acicate para seguir mellorando".

Nesta liña de traballo, considera que a puntualidade e as frecuencias son dúas das claves en torno ás que avanzar cara unha "reestruturación máis profunda" do transporte urbano, xunto coas directrices marcadas polo Plan de Mobilidade, "que nos día a onde van e a onde queren ir os cidadáns". Así, e máis alá das pequenas modificacións e cambios de paradas realizadas en resposta a demandas veciñais, "vanse empezar a reestruturar liñas". Aquí recordou o "hándicap" que supón a "escaseza de recursos", razón que fará primar a "optimización de recursos".

Outra dirección na que seguirá traballando a Concellería de Mobilidade é a da mellora da información. Así, aos postes informativos xa instalados sumaranse en breve outros dez, e algún máis este mesmo ano 2012 "se os orzamentos o permiten", anunciou.

Cortes na avenida do Camiño Francés
A preguntas dos xornalistas, o concelleiro aproveitou a rolda de prensa para explicar os cortes de tráfico que nestas xornadas se están a producir na avenida do Camiño Francés. Así, durante esta xornada de xoves estaba previsto que permanecera cortado o carril sentido San Lázaro-centro cidade da devandita avenida no tramo comprendido entre a avenida de Xoán Pablo II e a rotonda de Rodríguez de Viguri. "Á vista das malas condicións nas que estaba o carril conseguimos que a empresa asfaltase este tramo para que quede así definitivo ata o remate das obras", indicou. Xa na noite do venres 20 ao sábado 21, prohibirase o paso no tramo comprendido entre a avenida de Rodríguez de Viguri e a rúa Monte dos Postes, co obxecto de obras de instalación eléctrica.

Albino Vázquez afirmou que as obras do túnel da avenida do Camiño Francés van "a moi bo ritmo" e agarda que estean rematadas en xuño. En paralelo a esta obra hai previstas outras dúas actuacións na zona: a reordenación da rotonda de San Caetano e a construción dunha rotonda ao final da rúa de Xoán Paulo II, nas Cancelas.

Peonalización no Ensanche
Tamén a requirimento dos xornalistas, reiterou que a peonalización dalgunhas rúas do Ensanche en determinadas datas seguen sendo para o Goberno municipal "unha iniciativa interesante e beneficiosa para os cidadáns". A finais de xaneiro ou primeiros de febreiro retomaranse as reunións coas asociacións de comerciantes, co fin de que estas fagan as súas propostas neste tema.

Compartir: