CULTURA

Víctor Pablo Pérez dirixe a Orquestra Sinfónica de Galicia no Auditorio

18/01/2012 A Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida por Víctor Pablo Pérez, dará o xoves 19 un concerto no Auditorio de Galicia. Interpretará pezas de Fazil Say, Albert William Ketèlbey, Carls Nielsen e Camille Saint-Saëns, e na primeira parte do concerto, onde poderemos escoitar o Concerto para violín e orquestra "1001 Noites no Harén", de Say, estarán acompañados pola violinista Patricia Kopatchinskaja.

Creada en 1992 polo Concello da Coruña, onde ten a súa sede, a Orquestra Sinfónica de Galicia é unha das agrupacións orquestrais de maior proxección en España. Víctor Pablo Pérez é o seu director titular e Jesús López Cobos o principal director invitado. Foi orquestra residente do Festival Rossini de Pésaro de 2003 a 2005 e do Festival Mozart da Coruña desde a súa creación en 1998. Realizou varias xiras por Alemaña e Austria e ofrece concertos nas mellores salas e ciclos de concertos españois. A OSG conta habitualmente con solistas e directores de recoñecido prestixio e foi premiada coa Medalla de Ouro da Real Academia Galega de Belas Artes e é Premio Cultura Galega da Música 2010.

Patricia Kopatchinskaja, violinista, naceu en Moldavia. De pais músicos, estudou composición e violín en Viena e Berna. Gañou o concurso internacional Szeryng-Competition en México e o prestixioso Premio Internacional Credit Suisse Group Young Artist Award (que consistiu nunha actuación coa Filarmónica de Viena e Mariss Jansons no Festival de Lucerna). Representou a Austria no Rising Stars Concert Series debutando en Nova York e outras capitais europeas. Gañou o BBC Music Magazine Award no 2010 pola súa visión personalísima do Concerto para violín de Beethoven con Philippe Herreweghe e a Orchestre des Champs-Elysées. É embaixadora de boa vontade para a organización benéfica "Terre des Hommes", mediante a cal apoia proxectos para nenos en Moldavia.

Direccións relacionadas



Compartir: