CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Goberno local reafirma o seu compromiso cos centros socioculturais potenciando o servizo de dinamización

18/01/2012 A última Xunta de Goberno aprobou a apertura do proceso de contratación do novo servizo de dinamización da Rede de Centros Socioculturais. Este contrato, que terá carácter bianual (renovable por outros dous) suporá unha partida de 884.919 euros anuais, case 65.000 máis que en 2011, o que segundo o concelleiro de Participación Cidadá e Centros Socioculturais, Francisco Noya, "demostra o esforzo do Goberno municipal nesta materia e o compromiso cos veciños".

Malia os recortes que se producirán en case todas as partidas orzamentarias de 2012, a cantidade destinada a este servizo de dinamización increméntase, xa que "valoramos a importancia destes servizos que benefician directamente aos cidadáns e facilitan e dinamizan a vida dos barrios e parroquias", indicou o concelleiro. Este novo contrato substituirá ao actual –que expira en febreiro- e suporá un investimento anual de 884.919 euros (1.769.838 bianuais).

Este servizo de dinamización atenderá os 42 centros e locais socioculturais do municipio, ademais do de Santa Marta cando entre en servizo. Serán 2.800 horas anuais que cubrirán servizos básicos como a apertura e peche dos centros, as bibliotecas, as aulas de xogos, as aulas informáticas ou o programa xeral de cursos. Non están incluídos neste servizo os diferentes obradoiros e actividades que se contratan independentemente, sobre todo no marco de programas estacionais como os de verán ou Nadal.

"Garántese que en todas as zonas se vai garantir, cando menos, a programación mínima", dixo o edil. No obstante, afirmou que se optimizarán os recursos na medida do posible, poñendo como exemplo a concentración de actividades para lograr máis afluencia ou a organización das mesmas naqueles lugares onde as asociacións veciñais máis se impliquen na busca de participantes.

Francisco Noya anunciou tamén que os centros do rural van ter "un tratamento propio" coa colaboración da Concellería de Medio Rural. Así, estase xa consultando aos veciños para que vaian manifestando as súas preferencias en canto a cursos e actividades. Explicou esta especificidade recordando que no rural se demandan moitas veces cursos doutro tipo (horta, forestais, trámites parcelarios...) e que os horarios tampouco son os mesmos habitualmente.

Santa Marta e Romaño
Sobre o Centro Sociocultural de Santa Marta, o concelleiro indicou que "será complicado abrilo antes do verán", malia estar rematado. A razón é que falta aínda a urbanización do entorno. Neste sentido, lamentou que no proxecto deste centro, de preto dun millón de euros, non se incluíra a urbanización, que cuantificou nuns 60.000 euros.

O seguinte centro en construírse será o do Romaño. Unha vez modificado o proxecto, co fin de que este equipamento municipal acolla tamén un centro de día, confía en que a obra este adxudicada no prazo de dous ou tres meses.

Trinta nenos na pista de patinaxe
Finalmente, anunciou que o sábado 21, ás 11:00 horas, 30 nenos dos centros socioculturais de Conxo e Vite estarán na pista de patinaxe de xeo da praza da Quintana, convidados pola Concellería. Quérese así agasallar a estes rapaces e rapazas que participaron activamente nas actividades dos devanditos centros e nas de Nadal en especial.

Compartir: