XUNTA DE GOBERNO

Xeración Nós, As Torres no Ar e Simón Bolívar dan nome a tres novas rúas en Roxos

16/01/2012 A Xunta de Goberno aprobou outorgar nome a tres novas rúas do SUNP-25 de Roxos. Ademais, deu o visto boa o proxecto de modificación da ordenanza que regula os sistema de estacionamento de residentes e á xestión conxunta dos servizos de Grúa e ORA.

As tres novas rúas de Roxos (ver mapa) reciben os nomes de rúa da Xeración Nós (A), rúa As Torres no Ar (B) e rúa de Simón Bolívar (rúa perpendicular entre a A e a B). Estes nomes estaban incluídos no listado que se aprobara por acordo plenario o 21 de novembro de 2007.

Por outra parte, na sesión aprobouse o proxecto de modificación da Ordenanza do Sistema de Ordenación e Regulación do Servizo da ORA e Aparcamento de Residentes. Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, este cambio quere corrixir determinados "desaxustes" observados na norma a raíz das queixas de veciños.

A principal novidade será que calquera residente empadroado en Santiago poderá estacionar nas zonas verdes de toda a cidade entre as 9:00 e as 20:00 horas, previa concesión da tarxeta correspondente e pago dun canon. Deste xeito, explicou a modo de exemplo, resólvense cuestións como a imposibilidade para aparcar de residentes do rural para ir ao seu centro de saúde na cidade ou de cidadáns que acudían a atender os seus maiores ou visitar os seus familiares, cando a realidade era que nesas zonas verdes, durante o día, moitas das prazas permanecían sen ocupar.

Tamén se eliminará o requisito dos 180 días de empadroamento previo para a obtención da tarxeta de residente. Este proxecto de modificación será levado ao Pleno para a súa aprobación inicial e posterior período de alegacións.

Canon por praza reservada de ORA
No ámbito da mesma Concellería de Mobilidade, aprobouse a xestión conxunta dos servizos de ordenación, regulación e aparcamento de vehículos na vía pública (ORA) e a retirada, traslado e depósito de vehículos (GRUA) en Santiago de Compostela. Paula Prado destacou a "vantaxosa" oferta elixida, xa que, "por primeira vez, estableces un canon a pagar pola adxudicataria de 55 euros ao ano por praza azul reservada". Cifrou en 1.600 as prazas deste tipo existentes e indicou que "isto suporá unha maior recadación para o Concello, sen que supoña ningún custo maior para os cidadáns".

Entre as melloras do contrato recentemente adxudicado tamén citou o cambio de todas as máquinas da ORA, permitindo as novas o pago con tarxeta. Modificarase a ubicación do depósito e mellorarase o sistema de retirada de vehículos.

Mantemento do sistema de tráfico
Continuando co tráfico, concedeuse unha prórroga ata o 30 de xuño para o remate das melloras previstas pola empresa adxudicataria para o contrato de mantemento,conservación e reparación das instalacións dun sistema de control de tráfico. Estas melloras aínda non completadas afectan a aspectos como a renovación dos ordenadores da sala de control de tráfico, á priorización do paso para autobuses na rede semafórica ou á instalación de contadores semafóricos nos pasos de peóns.

Urbanismo en rede
En materia de Urbanismo, ratificouse a participación do Concello no Programa de Urbanismo en Rede da Entidade Pública Empresarial RED.ES. Este acordo consiste no reforzamento do equipamento informático, implantación de novas ferramentas software para a validación, xestión, consolidación e refundido de ficheiros, entre outros usos. Tamén se pretende a consolidación do planeamento urbanístico vixente sistematizado conforme á versión inicial ao novo modelo de datos e instrumentos de planeamento urbanístico.

Outro obxectivo do acordo é a capacitación dos técnicos municipais en materia urbanística e dos sistemas no uso da Consola de Planeamento, así como na xestión e seguimento do proxecto, incluído o soporte a usuarios durante a execución do mesmo. Este acordo ten un custo total de 27.845 euros, dos que o Concello achega 8.354.

A proposta da concelleira desta áreas, aprobouse a concesión ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar da licenza para a reforma do edificio que albergará o Centro de recuperación integral para mulleres vítimas da violencia de xénero. A voceira da Xunta de Goberno indicou que a previsión é que o centro poida estar aberto durante este ano 2012.

Aposta polos centros socioculturais
O Goberno local iniciou o expediente para contratar o servizo de dinamización socioeducativa e sociocultural da Rede Municipal de Centros Socioculturais. O tipo de licitación fixado é de 1.638.739 euros. Dado o carácter plurianual do contrato, imputarase ao ano 2012 a cantidade de 682.808 euros.

Paula Prado defendeu que esta contratación reflicte o "compromiso claro do Goberno cos centros socioculturais e as asociacións de veciños", xa que "se mantén o orzamento e contrátase o servizo por dous anos, cando antes se facía por un". Este servizo incluirá xa o novo centro sociocultural de Santa Marta, cuxa apertura está prevista para o segundo semestre do ano.

Auditoría municipal
Finalmente e por urxencia, adxudicouse a elaboración dunha auditoría municipal, por un importe de 102.000 euros. Neste sentido, a edil salientou que se logrou reducir un terzo do custo previsto no orzamento inicial de licitación (147.000 euros). A auditoría desenvolverase en tres fases: unha primeira de catro semanas para a recollida de datos, outra de oito semanas para o control financeiro e unha terceira de 14 semanas para o control de procesos e procedementos.

Compartir: