URBANISMO

Emuvissa inicia un preconcurso de acredores para afrontar ás súas débedas a curto prazo

13/01/2012 A Empresa Municipal de Vivenda e Solo (Emuvissa) vai iniciar un preconcurso de acredores, cun prazo de tres meses para intentar chegar a acordos cos contratistas e así facer viable a entidade. Así o anunciou a concelleira de Urbanismo e presidenta de Emuvissa, María Pardo, quen tamén comunicou que se estudará a posibilidade de emprender accións legais contra o anterior Consello de Administración, polas irregularidades na licitación dos solos industriais 37.3 (Costa Vella) e 38 (Formarís), así como polo cobro de cotas aos propietarios do SUNP-11 sen que se teña efectuado a obra á que ían destinadas.

María Pardo sostén que nestes momentos esta empresa "require unha ordenación a fondo", así como "garantir o pago das débedas aos contratistas, que a 31 de decembro de 2011 se eleva a un importe total de 1,8 euros, a maior parte de cuxos saldos se atopan vencidos na actualidade". Por iso se porá en marcha este preconcurso de acredores, para no prazo de tres meses intentar chegar a acordos con estes.

Neste sentido, a edil referiuse a alternativas a distintas posibilidades de pago ou a utilizar os activos de Emuvissa, en forma de solos, para compensar esas débedas. Non obstante, recordou que moitos deses activos estaban "taxados por riba do seu prezo real nestes momentos".

Situación real da empresa
Sobre a situación real de Emuvissa, a concelleira indicou ten obrigas contraídas a curto prazo por un importe duns 7,5 millóns de euros, que no caso de terse procedido á execución dos solos industriais 37.3 e 38, se incrementaría a máis de 16 millóns de euros. Ademais, o remate dos polígonos en curso –SUNP-14 de Tras Paxonal, SUNP-15 da Muíña, SUNP-12 de Lamas de Abade e SUNP-11 do Castiñeiriño, supoñen outros 4,09 millóns de euros.

Por outra banda, a póliza de crédito contratada no mes de abril por importante de 1,3 millóns de euros, que estaba case na súa totalidade disposta no mes de xullo, foi renovada temporalmente, ata marzo de 2012, co fin de evitar que a empresa incorra en mora co pago duns intereses do 20%, que tería suposto a quebra técnica da empresa, apuntou.

Os gastos xerais da entidade para o exercicio 2012 son de 574.073 euros, dos cales 37.000 se corresponden con gastos mensuais en nóminas. Neste punto, María Pardo destacou que, neste exercicio se legrou reducir un 32% estes gastos xerais respecto ao exercicio 2011.

Ingresos e falta de pago por vendas de parcelas
En canto aos ingresos, explicou que, a curto prazo, procederían do cobro de 1.250.000 euros dunha subvención do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e da venda de catro vivendas unifamiliares en Pontepereda, por importe de 515.586 euros.

Neste punto, María Parde denunciou a situación de impago pola venda de diversas parcelas, que ascende a 4,8 millóns de euros non satisfeitos ás arcas municipais. Indicou que unicamente se pagou o 20% do custo destas parcelas e que non se garantiu o cobro do 80% restantes. Ante esta situación de falta de pago, anunciou que se, a requirimento xudicial, non se producen estes pagos, procederase a revocar estes contratos, por parcelas vendidas no SUNP-12 e no SUNP-14.

Co obxecto de incrementar tamén o nivel de ingresos, Emuvissa ten a intención de volver a intentar vender as parcelas nas que no seu momento o concurso quedou deserto.

Todo isto resúmese segundo a edil no feito de que a, a 31 de decembro de 2012, a situación de liquidez de Emuvissa era de 11.900 euros, creando unha estado de "insolvencia para afrontar as obrigas a curto prazo".

Accións legais
Ademais, Emuvisa estudia emprender accións legais contra o anterior Consello de Administración tras detectar irregularidades na licitación dos solos industriais 37.3(Costa Vella) e 38 (Formarís), realizada no mes de xuño, co Goberno municipal en funcións, por valor de máis de 16 millóns de euros, e por cobro aos propietarios das cotas de urbanización do SUNP-11 sen que se teña efectuado a obra á que ían destinadas.

Respecto aos solos industriais, a concelleira recordou que nestes intres se está a falar co Ministerio de Fomento e coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas co fin de que estas poidan asumir parte do custo da rotonda de enlace coa N-550, que inicialmente se determinara que recaera nos propietarios destas dúas superficies. Reiterou a "inviabilidade" desta operación, como o demostra o feito de que "o Concello xirara cotas por 11.643.900 euros e unicamente se pagaran 172.708,85 euros, o 1,5% do total". De insistir nesta fórmula, engadiu, "levaría á ruína a moitas empresas e propietarios".

Por este motivo e á espera de chegar a un acordo con Fomento e Xunta sobre o financiamento da rotonda, o Consello de Administración de Emuvissa acordou a suspensión temporal do procedemento de contratación destes dous solos industriais de Costa Vella e Formarís.

Sobre o SUNP-11 do Castiñeiriño, as accións legais teñen que ver co cobro aos propietarios das cotas de urbanización sen que esta se teña realizado. María Pardo cualificou esta situación como "fraude" e indicou que Emuvissa contratará as obras en canto teña liquidez.

Compartir: