CENTROS SOCIOCULTURAIS

A historia do selo en España, no Centro Sociocultural das Fontiñas

22/03/2006 A exposición, organizada polo Grupo Afinsa en colaboración co Concello, repasa a historia do selo en España.

O Centro Sociocultural de Fontiñas acolle do 24 de marzo ao 7 de abril a exposición filatélica "A Historia do Selo Español". Composta por un total de 41 cadros con pezas correspondentes á historia postal do selo español, desde a Prefilatelia Española (1827) ata o século XX, esta mostra, organizada polo Grupo Afinsa en colaboración co Concello de Santiago, inaugurarase o venres día 24 ás 19:00 h. Contará coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, a concelleira de Centros Socioculturais Mercedes Rosón Ferreiro, os responsables do Grupo Afinsa na comunidade galega, Eduardo Xosé Foira e Concepción Villamaría, así como distintas personalidades do mundo da cultura e do arte da nosa comunidade.

A exhibición, que percorrerá ao longo deste ano distintos puntos da nosa xeografía, está dividida en cinco fases: Prefilatelia, Reinado de Isabel II, I República do Correo Carlista, Reinado de Alfonso XII e Alfonso XIII, e emisións conmemorativas do século XX, e oferta ao visitante, ademais dun completo paseo histórico, o encontro con xoias filatélicas de enorme calidade didáctica e cultural.

Documentos relacionados



Compartir: