CULTURA

The Answer inaugura o Compostela Rock

11/01/2012 Compostela Rock, nova aposta da Concellaría de Cultura, inaugurase o sábado 14 de xaneiro cos irlandeses The Answer, na Sala Capitol ás 21:30 horas. A banda, elixida por AC/DC como teloneiros na súa última xira mundial, chega a Compostela para dar o único concerto en Galicia, logo de estar en Madrid, Barcelona e Bilbao, e presentar o seu novo disco, Revival.

A maior parte da crítica e do público está de acordo á hora de afirmar que The Answer soan como unha versión actualizada de AC/DC e Led Zeppelin, aderezados polo toque bluesy de bandas como Bad Company ou Free. Puro hard rock co que demostran a súa inusitada habilidade para combinar temas luminosos con estribillos demoledores. Fundada en Irlanda do Norte no ano 2000, a banda pasou a última década mostrando as súas credenciais de rock 'n' roll por todo o mundo. Despois dalgúns lanzamentos auto financiados, de pouca repercusión na prensa, a banda viuse de cheo baixo o foco de atención mainstream en 2005, cando o seu primeiro single "Keep Believin'' se converteu en obxecto de grandes eloxios da crítica e levounos a ser a "Mellor Nova Banda" nos premios Classic Rock Awards.

O resultado final da súa gran reputación como banda en directo e como unha das máis brillantes esperanzas do rock, foi a xira de máis dun ano como banda convidada na mastodóntica xira de AC/DC, o que os levou aos principais recintos por todo o mundo; 412 días xirando por medio planeta, 118 concertos e máis de 3 millóns de persoas asistindo a eses espectáculos.

A banda acaba de lanzar o seu terceiro álbum, Revival, que foi gravado polo produtor Chris "Frenchie" Smith, en El Paso e Austin, Texas. Un emocionante e potente álbum de rock’n’roll, cheo de enerxía, que incorpora os mellores elementos da traxectoria de The Answer combinados cun arsenal de novas ideas en canto a son, que seguro levará a banda a subir a súa popularidade. Cada concerto seu fai aumentar a lexión de fans que a banda irlandesa comeza a acumular por medio mundo.

As entradas, cun custe de 15 € + gastos anticipadas e 18 € na billeteira, poden mercarse xa na rede ticketmaster (incluída a web), Discos Gong, Carrefour, FNAC, Halcón Viajes e Tiendas Tipo.

Compostela Rock, novo ciclo da Concellaría
Dentro das novidades na programación para 2012 que pon en marcha a Concellaría de Cultura, unha das apostas firmes é o Compostela Rock, ciclo que se alongará durante todo o ano e se celebrará en diversos espazos da cidade. Abranguerá concertos de rock, pop e xéneros próximos en todos os seus estilos e variantes, intentando así achegarse ao maior rango de idades entre o público ao que vai dirixido. O que se busca é dar estabilidade na programación da Concellaría a un tipo de música que ata o de agora non o tiña e materializar unha realidade da programación da cidade.

Compostela Rock continuará, tamén na Capitol, o 10 de febreiro, co concerto de presentación dos Corizonas, a nova banda de moda do rock español, que nace da unión de Los Coronas e Arizona Baby e que elixiron Compostela para presentar o seu novo traballo, The News Today.

Compartir: