NADAL

Satisfacción do Goberno municipal polo éxito das actividades do Nadal

11/01/2012 Os concelleiros María Pardo, Francisco Noya e Reyes Leis compareceron en rolda de prensa para facer balance das actividades do Nadal. En termos xerais, declaráronse moi satisfeitos polo éxito e acollida de público das diferentes actividades. E cara a seguinte edición, anunciaron a vontade de seguir mellorando e incorporando novas actividades, como os programas de conciliación no rural, un máis amplo mercado de Nadal ou un concurso de panxoliñas, entre outros.

Reyes Leis encargouse de valorar actividades como as Noites Abertas, destacando o éxito desigual dos tres días elixidos. Indicou que o 23 e o 30 de decembro "non funcionou ben", pero si o 4 de xaneiro. Anunciou que en vindeiros días manterá unha reunión coas asociacións de comerciantes para planificar estas citas xa cun carácter anual e estable.

Amosou a súa satisfacción polo éxito do iglú e das actividades na Praza Roxa e indicou que haberá que seguir traballando para conseguir mellores resultados no Mercado de Nadal, que este ano se celebrou por primeira vez na Alameda. Segue apostando por un mercado ao estilo de moitas cidades europeas, pero cre este tipo de eventos "hai que preparalo xa dende o verán", co propósito de que, "como moi tarde, comece a primeiros de decembro".

A concelleira quere que o mercado conte co apoio do comercio local e que exerza tamén de "tirón turístico". Valorou o éxito de participación do carrusel infantil instalado a carón do Mercado e indicou que este, en calquera caso, non tivo ningún custo para o Concello, xa que este foi soportado pola empresa organizadora. Estimou que unhas 10.000 persoas pasaron polo Mercado.

Cabalgata e fin de ano
Outras dúas actividades coas que o Goberno local quedou satisfeito foron a festa de fin de ano e a Cabalgata de Reis. Así o apuntou María Pardo ao referirse ao "cheo" que rexistrou a praza do Obradoiro durante as badaladas de cambio de ano. Nesta festa, que contou con actuación musical, repartíronse 60 quilogramos de uvas. O custo para o Concello foi de 16.000 euros, salientando a edil a redución que se produciu respecto ao anterior ano, que custara 56.000 euros.

Tamén exitosa resultou a Cabalgata de Reis, na que se repartiron 2.700 quilogramos de caramelos sen glute e que encheu a praza do Obradoiro na tarde-noite do 5 de xaneiro. Salientou a concelleira a recuperación do Salón Nobre para a recepción dos nenos e nenas polos Reis Magos e o espectáculo con pallasos e personaxes infantís na praza que fixo máis amena a espera dos pequenos. O investimento foi de 50.000 euros, 8.000 menos que en 2010.

Actividades de conciliación
Pola súa parte, o edil Francisco Noya avaliou as actividades de conciliación, con especial atención aos programas Nadalxogo e Vive o Nadal!. O primeiro, no que participaron 300 nenos en catro centros escolares, cualificouno de "grande éxito". O segundo, realizado na rede de centros socioculturais, permitiu por en marcha máis de 200 actividades nos 45 centros. Participaron máis de 1.000 veciños.

Entre as actividades, destacou a denominada Pequenos reporteiros, na que un grupo de pequenos puido visitar unha emisora de radio, un estudio de televisión, un periódico e un estudio de dobraxe, ademais de entrevistar ao propio alcalde, Xerardo Conde Roa. Tamén se referiu ás actividades do pavillón do Restollal e ao campamento de conciliación organizado nos cinco centros cabeceira.

A programación navideña dos CSC tivo un custo para o Concello duns 30.000 euros. E xa cara o seguinte Nadal, o concelleiro anunciou a intención de estender estas actividades de conciliación aos centros e locais do rural.

Pista de xeo
A falta de varias semanas para pechar a pista de xeo da praza da Quintana, Reyes Leis ofreceu datos ata o momento da súa marcha. Polo recinto pasaron xa 12.000 patinadores, dos que 3.500 eran escolares e un 26% procedían de fóra de Santiago. O patinador máis novo tiña só dous anos e dous meses e o maior, 72 anos. En total, 25.000 persoas pasaron xa pola pista.

Ante esta demanda, o Concello estudará a posibilidade de instalar no vindeiro Nadal unha pista máis grande. Nese caso –explicou- avaliaríase tamén a alternativa doutra ubicación. Igualmente para o próximo Nadal, anunciou a organización dun concurso de panxoliñas. Estas e todas as demais actividades seguirán sendo programadas, tal como este ano, por unha comisión composta por varias concellerías.

Documentos relacionados



Compartir: