ALCALDÍA

O alcalde denuncia o "erro de planeamento" que fai "inviable nestes intres" a construción da rotonda de acceso aos novos polígonos

10/01/2012 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, vén de indicar que a construción da rotonda de acceso aos polígonos industrias da Sionlla e de Formarís (SUNP-38) e Costa Vella (SUNP-37.3), na estrada N-550, está pendente de que se chegue a un acordo de financiamento conxunto da mesma por Ministerio de Fomento, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e propietarios. O rexedor municipal fixo estas declaracións no transcurso dunha visita ao Polígono do Tambre en compañía do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra.

"Aquí hai un erro de planeamento grave", apuntou o alcalde, lembrando que "se cargou os custes da rotonda, uns 4,5 millóns de euros, aos dous polígonos máis pequenos (Formarís e Costa Vella), e iso fai inviable nestes momentos a construción da rotonda e os propios solos". Por isto, engadiu, "o que fixemos foi falar coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para tratar de dividir o custe entre a Consellería, Fomento e os propietarios, e niso estamos". Malia este "problema de financiamento grave", indicou que "é unha urxencia para todos nós pola en marcha".

Xa sobre a visita ao Polígono do Tambre, Conde Roa, valorou a "preocupación" do presidente da Xunta pola marcha desta superficie industrial. No encontro puideron falar –dixo- das súas necesidades en canto a infraestruturas ou dos seus futuros accesos, como a variante de Aradas.

Pola súa parte, Núñez Feijóo avanzou que o polígono empresarial da Sionlla "estará listo, definitivamente, neste primeiro semestre do ano". "O novo polígono que se vai unir ao Polígono do Tambre converterá esta zona no eixo e no centro dunha área empresarial de máis de 4 millóns de metros cadrados. Compostela terá unha área empresarial urbana e ben conectada; un nodo loxístico desde o punto de vista de aeroporto, estación ferroviaria e de rede de infraestruturas de máis de 4 millóns de metros cadrados", afirmou.

Relevo no CHUS
Preguntado polos xornalistas sobre o relevo na xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), o alcalde amosouse convencido de que o hospital clínico "vai seguir sendo un hospital de referencia", en alusión aos investimentos realizados no mesmo. A anterior xerente, Rosa Bermejo, agradeceulle "o traballo realizado durante todos estes anos" e o seu "excelente labor en termos xerais".

Documentos relacionados



Compartir: