XUNTA DE GOBERNO

A reposición de cableado roubado no verán supuxo un gasto de case 62.000 euros

09/01/2012 O gasto pola reposición de cableado de cobre roubado nos meses de xuño, xullo e agosto supuxo un gasto de 61.935 euros, segundo indicou a voceira da Xunta de Goberno Local, Paula Prado, á vista das sete facturas remitidas por este concepto pola empresa concesionaria do mantemento do sistema de alumeado.

Paula Prado explico que este gasto total resulta especialmente significativo tendo en conta que o contrato da concesionaria supón 150.000 euros anuais. Este gasto de 61.935 euros, que queda fóra do contrato de mantemento –indicou- equivalería ao 40% deste. Os roubos producidos en xuño, xullo e agosto afectaron a zonas como Carme de abaixo, Pontepedriña, Fontiñas ou avenida de Barcelona, entre outros. Ademais, citou outros roubos que, por terse producido en obras aínda non recibidas polo Concello, tiveron que asumir as empresas adxudicatarias das devanditas obras

Vivenda para colectivos especiais
En materia de Benestar Social, a edil comentou a solicitude ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) da ocupación temporal dunha vivenda para destinala a determinados colectivos con necesidades especiais. O Concello opta por esta fórmula ao non ter dispoñibilidade orzamentaria para mercala polo prezo ofertado polo IGVS, 66.492 euros.

Segundo explicou Paula Prado, ao Concello "viríalle moi ben" dispor desta vivenda, debido á demanda existente entre diversos colectivos. Indicou que, na actualidade, o Concello dispón de cinco vivendas en Fontiñas, das que dúas están xa cedidas a Aspas. Dúas máis están en trámites para a súa cesión e a outra está sendo reformada.

Prórroga do Servizo de Axuda no Fogar
Tamén no ámbito desta Concellaría, prorrogouse o Servizo de Axuda no Fogar coa actual adxudicataria, GERIATROS S.A, dende o 28 de xaneiro ata o 27 de xaneiro de 2013. Para esta prórroga non se vai aplicar o IPC e o custo para o ano 2012 será de 650.191 euros.

Póliza de crédito para INCOLSA
Xa por urxencia, aprobouse unha póliza de crédito para INCOLSA, por importe de 690.000 euros. Este crédito –apuntou a voceira da Xunta de Goberno- é o que se solicita cada ano para afrontar os pagos ordinarios á espera de recibir as cantidades comprometidas polas distintas administracións para a empresa turística municipal.

Documentos relacionados



Compartir: