BENESTAR SOCIAL

Clausura do campamento "Urbanadal"

05/01/2012 Quince nenos e nenas participaron do 23 de decembro ao 5 de xaneiro na segunda edición do campamento urbano Urbanadal, organizado polo Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte da Concellería de Benestar Social xunto coa ANPA do CEIP Apóstolo Santiago. Este campamento prestou aos residentes da Zona Urbana Santiago Norte, un servizo de apoio á conciliación da vida laboral e familiar no tempo de vacacións escolares desta época do Nadal.

O acto de clausura de Urbanadal contou coa participación da concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, que participou na festa de despedida e fixo entrega dos galardóns, -feitos polos propios rapaces e rapazas- con que se obsequiou a todos os participantes.

O programa, que deu cobertura a menores de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, fixo posible que moitos pais e nais que traballan durante a época de Nadal e teñen dificultades para conciliar a vida laboral e familiar, tiveran un servizo que lles facilitara a compatibilidade de ambos ámbitos.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do Proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: