RECOLLIDA DO LIXO

O concelleiro de Limpeza Viaria anuncia "tolerancia cero" contra os vertidos ilegais e o depósito de lixo nas rúas fóra de horario

05/01/2012 O concelleiro de Recollida do Lixo e de Limpeza Viaria, Juan de la Fuente, anunciou que tras unha primeira fase de detección e de notificacións, o Concello vai proceder a sancionar a aqueles particulares e empresas que sigan depositando residuos en vertedoiros ilegais, así como aos establecementos que deixen o lixo nas rúas fóra do horario establecido.

De la Fuente indicou que se teñen detectado ata 13 vertedoiros ilegais de residuos sólidos en diferentes puntos do municipio: porta de entrada do clausurado vertedoiro de Aríns, estación de Casal (Aríns), rúa das Tornas (Aríns), rúa da Granxa (San Lázaro), estrada de Figueiras (no cruce de subida ao Pedroso), Son de Arriba (pista cara o depósito do Tambre), Vrins (pista cara o cruce de Piñor), lugar da Rexidoira (estrada Santiago-Lavacolla), cruce de Requesende (estrada Sigüeiro-Lavacolla), O Roxido (estrada Santiago-Carballo), Amio (preto da Feira de Gando), pistas parcelarias na Cruxeira e na carballeira e pistas adxacentes do lugar de Bálsoma.

Tras terse notificado a diversas empresas as infraccións que estaban a cometer, agora o Concello vai proceder a sancionar a quen siga realizando estes vertidos ilegais. Neste sentido, o edil apuntou que haberá "tolerancia cero" con esta conduta. As sancións a empresas están tipificadas entre 2.000 e 6.000 euros, mentres que as dos particulares oscilan entre os 600 e os 6.000 euros, afirmou. O Departamento contará coa colaboración da Policía Local para este labor de detección e sanción.

Ademais, apuntou que a maior parte destes vertidos os realizan persoas e empresas de municipios limítrofes con Santiago. Puxo como exemplo paradóxico o dalgunhas empresas do concello de Ames que levan os seus residuos sólidos a vertedoiros ilegais de Compostela cando dispoñen no mesmo Ames dun punto limpo gratuíto.

Recordou tamén que o propio Concello de Santiago ten dous puntos limpos en Piñor e no Polígono do Tambre e que se ofrecen todas as facilidades para recoller este tipo de residuos, polo que lamentou que se produzan estas condutas. Do mesmo xeito condenou a actitude dalgúns particulares –cuxa procedencia situou igualmente na súa maioría en municipios veciños- de depositar as bolsas do lixo fóra dos contedores, "arroxándoas directamente dende os vehículos".

Depósito do lixo fóra de horario
Outra das condutas denunciadas por Juan de la Fuente foi a de determinados establecementos que depositan o lixo nos colectores do Casco Histórico ou do Ensanche "á mañá seguinte", despois do horario de recollida. Tamén se procedeu a notificar aos infractores e, de persistir nesta práctica, serán sancionados.

Recordou o concelleiro a disposición municipal a facilitar os colectores individuais necesarios en cada caso, pero que "non se van consentir" as situacións de insalubridade provocadas por este depósito do lixo fóra do horario, especialmente nos meses de verán. Referiuse á detección de ata 13 establecementos hostaleiros que realizan esta práctica, situados en rúas como Porta Faxeira, Rodrigo de Padrón, Algalia de Arriba, Frei Rosendo Salvado ou rúa Nova de Abaixo.

Dispositivo especial para a Cabalgata
O concelleiro aproveitou a rolda de prensa para dar conta do dispositivo especial de limpeza con motivo da Cabalgata de Reis. Anunciou que 15 minutos despois do paso da comitiva, dúas brigadas de limpeza deixarán as rúas en perfecto estado, e o mesmo sucederá na praza do Obradoiro cando remate a festa. O equipo estará formado por oito operarios, dous camións e dúas máquinas de limpeza.

Brigada de Vías e Obras
Tamén agradeceu á Brigada de Vías e Obras –integrada igualmente na súa Concellería- o seu traballo nestes días para a preparación da Cabalgata de Reis. Dixo desta Brigada que son "o comodín do Concello".

Compartir: