CULTURA

The Answer e The Gift inauguran os ciclos Compostela Rock e Sons 2012

02/01/2012 O concelleiro de Cultura, Ángel Currás, e o director-xerente do auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron os primeiros concertos de Sons 2012, e de Compostela Rock, un novo ciclo da Concellaría de Cultura. Así, Compostela Rock inaugurase o sábado 14 de xaneiro cos irlandeses The Answer, na Sala Capitol, e continuará o 10 de febreiro con Corizonas. Sons 2012 comezará o xoves 2 de febreiro no Teatro Principal co único concerto en Galicia da xira Primavera/Explode: mil cores posibles dos The Gift e o seguinte concerto será o 11 de febreiro con Idan Raichel Project.

Dentro das novidades na programación para 2012 que pon en marcha a Concellaría de Cultura, unhas das apostas firmes é o Compostela Rock, ciclo que se alongará durante todo o ano e se celebrará en diversos espazos da cidade. Abranguerá concertos de rock, pop e xéneros próximos en todos os seus estilos e variantes, intentando así achegarse ao maior rango de idades entre o público ao que vai dirixido. O que se busca é dar estabilidade na programación da Concellaría a un tipo de música que ata o de agora non o tiña e materializar unha realidade da programación da cidade. Inaugura este ciclo a banda irlandesa The Answer, elixida por AC/DC como teloneiros na súa última xira mundial. Chegan a Compostela para dar o único concerto en Galicia, logo de estar en Madrid, Barcelona e Bilbao, no que presentan o seu novo dico, Revival.

Sons 2012 inaugúrase con The Gift, que chegan a Compostela dentro da xira Primavera/Explode: mil cores posibles cun concerto, o único en Galicia, no que nos presentan as novas cancións gravadas no Centro Cultural de Belém e as máis recentes dos seu último disco, Explode. Esta xira leva a The Gift polas principais salas de España e Portugal e en Compostela inauguran Sons 2012 o xoves 2 de febreiro, ás 21:00 horas, no Teatro Principal.

Vindeiros concertos
Ademais de presentar os concertos inaugurais, fíxose tamén un avance dos seguintes concertos en cada ciclo. Compostela Rock continuará, tamén na Capitol, o 10 de febreiro, co concerto de presentación dos Corizonas, a nova banda de moda do rock español, que nace da unión de Los Coronas e Arizona Baby e que elixiron Compostela para presentar o seu novo traballo, The News Today. Pola súa banda, o segundo concerto de Sons 2012 será The Idan Raichel Project o 11 de febreiro no Auditorio de Galicia. Será o único concerto en España desta fascinante formación de artistas capitaneada por Idan Raichel, israelí que cambia por completo a imaxe da música popular do seu país ofrecendo unha mensaxe de amor, paz e tolerancia.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: