AUDITORIO DE GALICIA

O Auditorio acolle unha audición para escolares dedicada aos instrumentos de percusión

21/03/2006 Dentro do ciclo Concertos Didácticos o Auditorio de Galicia ofrecerá mañá, mércores 22, en sesión dobre, ás 10:00 e ás 12:00 unha actuación de N’CAYMAN PERCUSSION.

O espectáculo ten como obxectivos descubrir as posibilidades técnicas e interpretativas dos instrumentos de percusión, identificar os distintos tipos de instrumentos e mostrar os xéneros e estilos musicais de diferentes partes do mundo. Utilizando como argumento un percorrido pola historia dende que o home se fixou nos sons da natureza, nos sons do mar, do vento, das follas, dos animais e comezou a imitalos utilizando distintos materiais (pedras, ósos de animais, anacos de troncos, metais, etc.).

Cando o home dispuxo de ferramentas e puido traballar os distintos materiais para darlles a forma máis convinte, apareceron os tambores de diferentes tamaños e formas. Os intrumentos foron levados dun lugar a outro polos mercaderes e os conquistadores, algúns aínda se utilizan na actualidade en ritos e cerimonias e outros evoluíron considerablemente.

N’CAYMAN PERCUSSION, foi fundado no Conservatorio Profesional de Música da Diputación de Albacete por José Alberto Marquina, profesor de percusión do centro e por un grupo de alumnos avanzados desta especialidade.

O grupo foi evolucionando cara novas metas, desde o seu inicios ata hoxe aproveitando a experiencia dos máis de 150 concertos ofrecidos por toda España e na aportada polos seus compoñentes, todos eles profesores titulados de percusión, membros de bandas profesionais, orquestras e escolas de música.

Teñen ofrecido numerosos concertos en Castilla-La Mancha e Murcia e participado en intercambios e concursos, entre os que destaca o Primeiro Premio do Certame Rexional de Xoves Artistas de Castilla-La Mancha 2001. E gravados varios traballos en directo, e un CD en estudo titulado N’ Cayman, onde se recolle o mellor do seu amplo repertorio.

O grupo está formado por: David García, Jacinto Gallego, Luis Carmelo Jaén, Estalisnao Martín, Víctor M. Martínez, Juan Sáez, Pedro Antonio Tercero e Roberto Bravo Correas, director artístico.

Ás sesións deste espectáculo asistirán dous mil rapaces, de 9 a 13 anos, de centros escolares de Santiago de Compostela, Boqueixón, Brión, Ames, Oroso, Trazo, Lugo, Vedra, Rianxo, Caldas de Rei, Touro, Padrón e Val do Dubra.

Compartir: