ALCALDÍA

Dous novos retratos dos Reis de España, realizados por Rafael Masiá, presiden xa o salón de plenos municipal

29/12/2011 O salón de plenos de Raxoi conta xa con novos retratos dos Reis de España, tras ser substituído o cadro anterior por dous realizados polo artista compostelán Rafael Romero Masiá. O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, presentou os novos lenzos acompañado polo seu autor.

Coa colocación destes novos retratos de Don Juan Carlos e Dona Sofía dáse cumprimento a un acordo do propio Pleno municipal para substituír o que existía ata agora, a proposta da Alcaldía. Conde Roa considerou un "deber de xustiza e gratitude" con Don Juan Carlos e Dona Sofía estes cadros, recordando o seu "comportamento sempre exemplar con esta cidade". Neste sentido, referiuse á presidencia do monarca do Real Padroado ou á recente presenza en Santiago das Súas Maxestades no último Ano Santo.

O alcalde cualificou de "espléndidos" os retratos realizados por Rafael Masiá e expresou a súa satisfacción porque os teña feito un "excelente pintor compostelán". O encargo tivo un custo de 8.000 euros.

Pola súa parte, o artista agradeceu ao alcalde e ao Concello a súa confianza e amosouse "orgulloso como compostelán" de que dúas pinturas súas presidan agora o salón de plenos. Situou os lenzos –realizados cunha técnica mixta sobre táboa- dentro do clasicismo, pero fuxindo do "clasicismo decimonónico" e apostando por algo "un pouco máis vangardista".

Documentos relacionados



Compartir: