CONSORCIO

O Consorcio axudará á Fundación Catedral na implantación dun sistema de xestión que permita o autofinanciamento do templo

28/12/2011 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xerardo Conde Roa, e o arcebispo e presidente da Fundación Catedral de Santiago, Julián Barrio, asinaron un protocolo de colaboración que vai permitir que o Consorcio apoie financeiramente á Catedral para implantar un modelo de xestión autosostible que permita o futuro autofinanciamento da Catedral e axude ao mantemento continuo do conxunto partindo dos ingresos que el mesmo xere.

Esta iniciativa enmárcase no ámbito de colaboración que o Consorcio e a Catedral de Santiago estableceron en decembro de 2010 en relación ao 800 Anivesario da Catedral de Santiago. Trátase, polo tanto, dunha axuda para garantir a sostibilidade económica da Catedral e potenciar a súa natureza de centro de peregrinación e canal de comunicación de cultura, fe e pensamento occidental.

O órgano que liderará todo este proceso será a Fundación Catedral de Santiago, que entre os seus fins ten os de promover e difundir o patrimonio artístico e cultural da Catedral de Santiago. A axuda do Consorcio concrétase nun apoio financeiro durante tres anos, que vai permitir a posta en marcha dunha Oficina Técnica que xestione o plan de obras de restauración e de conservación contempladas no Plan Director da Catedral de Santiago, así como o desenvolvemento dun Plan de Xestión a partir do cal o templo xere recursos que lle permitan autofinanciarse.

A axuda económica do Consorcio de Santiago será de 2.545.000 euros e repartirase en tres anualidades: 295.281 euros en 2012, 823.000 euros en 2013 e 1.427.379 en 2014.

Este plan de xestión permitirá compatibilizar o culto, principal uso da Catedral de Santiago, coa súa explotación turística e cultural, a partir da interiorización dos custos necesarios para o seu adecuado mantemento. Este plan de xestión contempla a optimización dos recursos turísticos cos que xa dispón a Catedral, así como a apertura de novos espazos e a posta en marcha de novas visitas guiadas:

- A adecuación para a apertura ao público da Torre do Reloxo.
- A implantación de novas visitas guiadas en horario nocturno.
- Regular e mellorar as visitas guiadas para grupos, establecendo horarios e itinerarios específicos.
- Mellorar o sistema de audioguías.
- Mellorar espazos xa visitables, como as cubertas e o Pazo de Xelmírez, aproveitando todo o seu potencial.
- Continuar cos traballos de mellora no Museo da Catedral.

Compartir: