TRÁFICO

Sete mil quilos de sal para afrontar as xeadas

27/12/2011 Como consecuencia das baixas temperaturas e das xeadas, o Concello puxo en marcha o plan contra xeadas e nevadas. Malia que polo momento non se ten aparecido moito xeo, xa se ten vertido sal nalgunha rúa e beirarrúa, segundo explicou o concelleiro de Tráfico, Albino Vázquez.

Sete mil quilos de sal están dispoñibles para ser utilizados en calquera momento en función das alertas meteorolóxicas e das necesidades detectadas polo Departamento de Tráfico. Así, e malia que de momento non foi moita incidencia do xeo, na ultima noite e a requirimento da Policía Local, botouse sal nalgún vieiro do Monte do Gozo e do Polígono do Tambre e en beirarrúas do Campus Sur.

Albino Vázquez indicou que esta actuación preventiva evitou a formación de placas de xeo, polo que non se produciron incidencias importantes por este motivo. Nas seguintes xornadas seguirase botando sal en vieiros e beirarrúas segundo as alertas meteorolóxicas.

Para realizar estes traballos coa máxima dilixencia, contase cos recursos da empresa Urbaser e con dous tractores de apoio.

Compartir: