MEDIO AMBIENTE

O Concello distribúe 75 novos composteiros para reciclar o lixo orgánico

21/03/2006 A finalidade deste proxecto, posto en marcha pola Concellería de Medio Ambiente, é a substitución do actual sistema de xestión do lixo nas zonas que sexa posible como vivendas con horta ou xardín, colexios, etcétera.

A Xunta de Goberno Local adxudicou 75 composteiros de uso domiciliario a aquelas persoas que o solicitaron e cumpriron os requisitos. A concellería de Medio Ambiente, a través dunha asistencia técnica adxudicada a Adega, prové aos usuarios de asesoramento técnico sobre a viabilidade e as posibilidades deste sistema.

Os composteiros cedéronse en depósito para a súa utilización, sendo responsabilidade das persoas depositarias o uso adecuado dos mesmos.

O primeiro programa de compostaxe domiciliaria realizouse en 2003 cunha dotación de 150 composteiros.

Unha vez comprobada a boa acollida deste sistema de autoxestión do lixo entre os veciños da zona rural do noso municipio e verificado que este sistema de tratamento da parte orgánica dos residuos domésticos é acorde coas políticas europeas en materia de residuos, se asignou un segundo reparto doutras 93 unidades durante o ano 2004 e primeiro trimestre de 2005.

Nesta nova campaña de reparto de composteiros cedéronse 75 composteiros en depósito, completando e ampliando as dúas distribucións feitas previamente.

O sistema proposto de autoxestión é moito mais ecolóxico e acorde coas políticas europeas en materia de residuos. Eliminando o custo ambiental que supón a recollida diaria duns residuos dos que actualmente non se tira ningún aproveitamento. Coa compostaxe, os desperdicios valorízanse ao converterse en abonos ecolóxicos e reestruturantes naturais do terreo.

Cada casa produciría fertilizante de gran calidade para as hortas e xardíns á vez que abarataría a recollida dos materiais reciclábeis

No artigo 7.2 da ordenanza fiscal nº 16 (Taxa por presentación do servizo de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos) prevense beneficios fiscais cunha bonificación da tarifa dun 50 % aos produtores de lixo que realicen compostaxe da materia orgánica mediante composteiros nas súas vivendas, ben a título individual ou por participación nalgún programa promovido polo Concello de Santiago.

A bonificación por autocompostaxe deberá validarse por comprobación dos técnicos municipal da existencia do composteiro así como da súa utilización.

Unha opción necesaria
O incremento da cantidade de residuos que xeramos todos os días supón un grave problema para o medio ambiente, que require solucións innovadoras, imaxinativas, eficaces e diversas. Entre as accións a levar a cavo atopase a redución do volume de residuos, tanto en orixe coma na propia vivenda, eliminando os innecesarios.

Case a metade do lixo que se xera nos fogares é materia orgánica. Ademais da redución, a reciclaxe é unha opción necesaria para solucionar o problema, véndose favorecida pola reutilización e unha boa clasificación dos residuos: as pilas nos microcontedores dos comercios, papel e cartón nos contedores azuis, o vidro nos iglús de cor verde, plásticos, latas, briks nos contedores amarelos, deposicións dos cans nas papeleiras específicas, roupa usada e calzado nos destinados a súa recollida, mobles e electrodomésticos recóllense gratuitamente previa chamada e os medicamentos caducados ou en desuso nas farmacias. Para o lixo orgánico formúlanse dúas posibilidades: a tradicional, nos contedores respectivos, e a compostaxe.

O compost contén un alto valor fertilizante e contribúe á mellora da estrutura do solo, protexe e aumenta a aireación do solo e o volta lixeiro e poroso. É unha excelente nutrición para o solo do xardín ou da horta. Os refugallos orgánicos do xardín e a cociña transfórmanse continuamente cun composteiro nun inmellorábel humus. Xa que logo, é convinte e útil aproveitar esta fonte de fertilización natural.

A compostaxe individual ou autocompostaxe consiste na reutilización dos desperdicios orgánicos que se xeran nun fogar a través da súa transformación en fertilizante nun composteiro.

O composteiro dispón dunha apertura superior por onde se introduce a materia orgánica que se produce diariamente nos fogares e aqueles restos vexetais que se poden xerar na horta. O illamento dentro do composteiro dos refugallos orgánicos permite que a maduración do compost favorecida polo calor que se xenera e acumula no interior.

Estes desperdicios sofren un proceso de fermentación que os transforma nun fertilizante orgánico de gran calidade, tamén chamado compost. Este fertilizante natural pode ser retirado a través da apertura que o composteiro ten na súa parte inferior e ser empregado como fertilizante no propio xardín ou horta.

Compartir: