XUNTA DE GOBERNO

Novos postes electrónicos de información nas paradas do transporte urbano

26/12/2011 A Xunta de Goberno local aprobou a instalación de dez novos postes informativos na rede de transporte urbano. Ademais, deu o visto bo á cesión de instalacións para un torneo benéfico de fútbol sala.

A instalación dos dez novos postes informativos nas paradas do transporte urbano supón un investimento de 45.019 euros máis IVE. Súmanse así aos doce paneis deste tipo xa existentes.

Os postes informativos situaranse en Virxe da Cerca – Praza de Abastos (dirección norte), Senra (dirección sur), República Arxentina (dous paneis), Hórreo (cruce con Gómez Ulla), Rosalía de Castro (cruce con Romero Donallo), San Roque (dirección norte e sur), París – Centro Comercial e avenida de Castelao (Facultade de Xornalismo).

A voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, explicou que se vai procurar colocar estes postes nos lugares onde causen menos molestias posibles e onde supoñan menores barreiras arquitectónicas.

Deportes
A proposta do concelleiro delegado de Deportes, autorizouse ao C.D. Belvís e ao Centro Don Bosco o uso dos pavillóns municipais de Fontiñas e Pontepedriña, en horario de 20:00 a 23:30 horas, para a celebración do VI Torneo solidario de fútbol sala da campaña benéfica "Operación quilo: Un quilo, un sorriso". Esta competición realizarase do 27 a o 30 de decembro e todo o recadado irá destinando á campaña Casas Rurais, en Perú.

Rehabilitación
En material de Rehabilitación, aprobáronse diversas axudas para vivendas e locais Comerciais no Casco Histórico: dúas para a renovación de elementos de madeira, unha de aprobación definitiva por un importe de 5.280 euros e outras tres de aprobación do pagamento da axuda por un importe de 23.162 euros.Tamén se aprobou outra para un local comercial por 6.550 euros. Estas actuacións prodúcense en virtude do convenio subscrito entre o Concello e o Consorcio da Cidade de Santiago en materia de recuperación urbana.

Informática e Réxime Interior
Outro dos asuntos tratados na Xunta de Goberno foi a adxudicación da póliza de seguro para a cobertura dos riscos patrimoniais, persoais e de responsabilidade civil derivada do uso de vehículos de motor que integran o parque móbil do Concello de Santiago, por un importe de 36.000 euros. A voceira da Xunta de Goberno apuntou que esta cifra supón unha rebaixa respecto dos 50.000 euros que antes custaba esta póliza.

No ámbito da mesma Concellería, anulouse unha reserva de crédito de 18.720 euros para o exercicio 2011 reservados á instalación de puntos de información recollidos no convenio entre o Concello e a Fundación para a Sociedade da Información e a Administración Electrónica para fomentar o coñecemento das novas vías de acceso á Administración e á sociedade da información. A reserva anúlase ao non terse instalado estes puntos.

Ademais, prorrógase o contrato do servizo de telefonía fixa por cinco meses, a contar dende o 29 de decembro de 2011 ata o 28 de maio de 2012, por un importe de 53.343 euros. Tamén se prorroga o servizo de telefonía móbil, neste caso dende o 31 de decembro ao 30 de maio de 2012, e o de transmisión de datos, do 28 de decembro de 2011 ao 27 de maio de 2012.

Convenios
Finalmente, deuse conta de tres convenios. O primeiro deles, subscrito co Consorcio de Santiago, permitirá facer o inventario e catalogación das obras de arte existentes no Pazo de Raxoi. O segundo, con Telefónica de España, está destinado a impulsar a innovación e as novas tecnoloxías. Finalmente, ratificouse o convenio básico bilateral entre a Xefatura de Tráfico e o Concello polo que se formalizaba a adhesión ao convenio específico subscrito entre a devandita Xefatura e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en materia de seguridade viaria.

Compartir: