BENESTAR SOCIAL

Os usuarios dos servizos sociais xa poden ser atendidos o mesmo día para a primeira cita

23/12/2011 A concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, explicou a reorganización que realizou o seu departamento, de tal xeito que, segundo dixo, "o tempo de espera para unha primeira cita reduciuse a cero", polo que os usuarios poden ser atendidos o mesmo día. Esta organización –explicou- ten o obxectivo de "ofrecer un mellor servizo aos cidadáns e unha atención axeitada ao momento que nos atopamos, no que aumentou a concorrencia de persoas aos servizos sociais municipais".

Paula Prado indicou que, fronte ao período entre dous meses e medio e tres meses que un usuario debía esperar para unha primeira cita, agora pode ser atendido o mesmo día. Isto é posible tras un "desdobramento" de funcións e a nova organización das unidades de atención, medidas para as que agradeceu a colaboración do persoal do departamento.

A atención social estrutúrase agora en torno a dous niveis. O primeiro está formado por unha traballadora social e unha unidade administrativa, composta á súa vez por unha administrativa e dúas auxiliares administrativas. Este equipo administrativo, explicou, asume agora boa parte das funcións das tarefas de programación das que antes se ocupaban as traballadoras sociais. Ademais, o persoal eventual integrado en programas de cooperación reforza a parte administrativa destas traballadoras sociais.

O segundo nivel queda integrado por dous distritos. O número 1 está formado por dúas unidades de atención social, unha para a zona norte, situada na Casa das Asociacións de Benestar Social, e outra en Conxo. No distrito número 2 funcionan as unidades de atención para Fontiñas, Galeras e O Ensanche. Cada unha destas cinco unidades conta con dúas traballadoras sociais.

Labor sociocomunitario
A edil explicou que estas profesionais, ademais da atención ao público, realizarán un labor sociocomunitario, de "prevención e detección precoz de casos que necesitan atención social". Do mesmo xeito que se vén realizando dende hai anos en Fontiñas, manterán reunións periódicas cos diversos axentes e colectivos dos respectivos barrios.

A mellora da organización tamén se materializou na área de emprego, tamén integrada na Concellería. Así, unha das persoas que traballa no Plan de Inclusión Social dedicará tres días á semana a tarefas relacionadas co emprego, actuando como "correa de transmisión entre as áreas de benestar social e emprego", indicou Paula Prado. Este traballo coordinado e a "comunicación máis fluída entre todo o o persoal" ten o obxectivo de "favorecer a inserción social de todas as persoas que acoden ao departamento".

Compartir: