DEPORTES

Santiago acollerá un partido internacional da selección española de fútbol feminino

23/12/2011 O Estadio de San Lázaro será escenario, o 15 de febreiro, dun partido internacional da selección feminina de fútbol, segundo anunciou en rolda de prensa o concelleiro de Deportes, Adrián Varela. O combinado español enfrontarase a Austria.

O concelleiro quere que este partido sexa "unha festa do fútbol feminino galego e español". Amosouse especialmente satisfeito de que "Verónica Boquete poida disputar un partido internacional na súa cidade" e anunciou xestións para conseguir para Santiago algún outro partido internacional doutras seleccións españolas.

A futbolista compostelá Verónica Boquete acompañou o concelleiro nesta presentación. Agradeceu tanto ao Concello como á Federación Galega de Fútbol este partido, xa que lle fai "especial ilusión xogar na casa".

En vindeiras datas poranse á venda as entradas. En canto á hora do partido, esta está aínda pendente da televisión, segundo apuntou o presidente da Federación Galega de Fútbol, José García Liñares.

Compartir: