CULTURA

A Banda Municipal celebra o Concerto Extraordinario de Nadal

22/12/2011 Como xa vén sendo habitual nestes últimos anos, a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela pecha o ano cun concerto extraordinario, dirixido nesta ocasión por Xosé Luis Represas Carrera. Desta maneira, a Banda súmase á programación especial de Nadal organizada polo Concello.

O concerto terá lugar o venres 23 de decembro, ás 21:00 horas, na sala Mozart do Auditorio de Galicia. Á batuta estará Xosé Luis Represas, actual director da Banda Municipal da Coruña, que ofrecerá un concerto baseado en obras clásicas, composicións propias e algunha peza propia do Nadal.

José Luis Represas Carrera naceu en Xinzo (Ponteareas) no ano 1970. Comezou os seus estudos musicais na Banda de Música "Xuvenil de Xinzo" co mestre Guillén. Licenciouse en Composición, Saxofón e Gaita nos Conservatorios de Vigo e A Coruña. Realizou cursos de dirección cos mestres Pirfano Zambrano e Enrique García Asensio.

Dirixiu numerosas bandas de música populares e tamén dirixe a importantes solistas, como Javier Galán, Amparo Navarro, José Antonio Campo, Sandra Míguez, Rubén Velázquez, Teresa Novoa, Francisco Javier Vidal, Marcos Represas e José Manuel López. Participou como solista e director convidado en numerosas formacións musicais, e en 1990 gaña por oposición a praza de saxofón solista na Banda Municipal da Coruña.

Coma compositor, a súa obra Caballeros de Santiago, foi estreada en Madrid pola Banda Sinfónica Municipal no ano 2002. O concerto, para trompeta e banda sinfónica, foi estreado por Esteban Batallán e a Banda de Música Municipal da Coruña, dirixindo el mesmo a estrea. Posteriormente, esta obra foi editada pola editorial belga Beriato. Actualmente compaxina o seu labor compositivo coa dirección da Banda Municipal de Música da Coruña.

Compartir: