EDUCACIÓN

A CiberCaixa abre durante o Nadal

22/12/2011 Dende o xoves 22 de decembro e ata o 5 de xaneiro abre as súas portas a CiberCaixa de Roxos Villestro con horario de 9:30 a 14:30 horas. Esta é outra das iniciativas que a Concellería de Educación promove para a conciliación familiar e laboral das familias de Santiago nestas vacacións de Nadal.

A CiberCaixa instalada no CEIP Roxos Villestro é froito dun convenio entre o Concello e a Fundación la Caixa. O programa ten por obxectivo satisfacer as necesidades educativas e lúdicas dos usuarios, con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos, considerando moi especialmente o seu estado evolutivo e o seu desenvolvemento co obxecto de aproveitar do xeito mais vantaxoso as posibilidades que ofrece a utilización deste recurso.

O obxectivo xeral do programa é dar apoio a nenos e nenas no seu proceso de socialización, nun contorno de educación non formal e en horario extraescolar e períodos vacacionais. Prioritariamente, os destinatarios do programa son pois aqueles menores que ao finalizar a xornada escolar e durante os períodos vacacionais non poden recibir por parte dos pais e nais a atención axeitada por diferentes motivos, derivados da incompatibilidade dos horarios laboral e familiar ou situacións diversas de vulnerabilidade dos proxenitores.

A CiberCaixa conta con tres espazos integrados:

a) Espazo de Informática: zona equipada con ordenadores. Dende esta área, os nenos/nenas e os mozos poden relacionarse a través destes recursos informáticos.

b) Espazo de Lectura e Audiovisuais: zona equipada con libros, xornais e equipos audiovisuais ao alcance de todos os usuarios da CiberCaixa.

c) Espazo Infantil: zona equipada con mobiliario e recursos específicos para os máis pequenos. Neste espazo, os nenos e nenas teñen ao seu alcance material pedagóxico, programas educativos e actividades dirixidas.

Compartir: