DEPORTES

Uns 180 deportistas competirán no Campionato Galego de Ciclocross

21/12/2011 A Granxa do Xesto será o escenario do Campionato Galego de Ciclocross, que se celebrará o sábado 24 de decembro, a partir das 10.30 horas. Uns 180 deportistas participarán nesta proba nas súas oito categorías: cadetes, féminas, júnior, elite-sub 23, máster 30, 40 e 50 e sénior. Repartiranse uns 1.000 euros en premios.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou esta proba e convidou a todos os composteláns a presenciala, por ser unha disciplina "espectacular" e por desenvolverse nun marco privilexiado como a Granxa do Xesto. Sobre o escenario da competición tamén falou o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Manuel Tallón, quen cualificou o circuíto de "moi completo", cunhas partes máis técnicas e outras de velocidade.

O presidente do Club Ciclista Mobles Compostela (organizador da proba), Nemesio López, explicou o desenvolvemento da competición, que empezará ás 10:30 horas coa modalidade de cadetes e rematará coa categoría de elite. En función da categoría correrán durante 30, 40 ou 60 minutos por un circuíto de entre 3.500 e 4.000 metros.

En palabras de Nemesio López, a esa proba acudirá o mellor do ciclocross galego en todas as categorías. Ademais, lembrou Manuel Tallón, o campionato adquire aínda máis importancia tendo en conta que do mesmo sairán os seleccionados galegos que competirán en xaneiro no Campionato de España.

Compartir: