CONSORCIO

Publicado o máis completo estudo sobre as celebracións na Catedral de Santiago

20/12/2011 Presentouse o libro Cerimonial, festa e liturxia na Catedral de Santiago, editado con motivo da exposición do mesmo nome e enmarcada nos actos do oitavo centenario da consagración da Catedral de Santiago.

O alcalde e presidente do Consorcio, Xerardo Conde Roa, e o deán da Catedral, José Maria Díaz, presentaron esta publicación, o máis completo estudo sobre todo o relacionado coas celebracións que teñen como escenario a basílica xacobea: as liturxias, os cultos ao Apóstolo, a música, as festas, os ritos xacobeos, os Anos Santos ou os xestos dos peregrinos.

O libro componse de diferentes capítulos, abordados cada un deles por un estudoso. Así, a publicación recolle textos de Ramón Yzquierdo Perrín, que fai un completo percorrido pola historia de la Catedral a través das Ofrendas ao Apóstolo, dende os reis asturianos, que impulsaron con elas o culto a Santiago, ata os nosos días. O Deán do Cabildo e comisario da mostra, José María Díaz, ocúpase de abordar os Tempos litúrxicos na Catedral a través das solemnidades, tempos ordinarios, vida cotiá e celebracións excepcionais, e o papel que todo iso xogou na historia e a arte da Catedral.

O profesor de Historia da arte da Universidade de Sevilla, Jesús Aguilar, trata sobre as Vestiduras ricas da colección catedralicia. Antón Pombo, xornalista e escritor, á vez que gran experto no Camiño de Santiago e peregrino, el mesmo, a Compostela en numerosas ocasións, aborda o capítulo dedicado aos Ritos dos peregrinos na Catedral de Santiago a través dos tempos: do contacto co sacro á atracción polo curioso. Francisco Singul, director da área de Exposicións e Publicacións da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, ocúpase do Camiño de Santiago como espazo ritual e simbólico.

Os capítulos seguintes ocúpanse dos prelados, cabildo, reis e pontífices; e do papel que estes desempeñaron para, tras o descubrimento dos restos do Apóstolo, dar lugar ao fenómeno das peregrinacións e á construción dunha gran Catedral en torno á cal foi crecendo unha cidade. David Chao, profesor de Historia da arte da Universidade de Santiago e Arturo Iglesias, técnico responsable da área de documentación moderna do Arquivo da Catedral, ocúpanse dos prelados e cóengos. Pola súa banda, Xosé Manuel Sánchez, técnico responsable da área de documentación medieval do Arquivo da Catedral, profunda na relación entre Santiago e os Papas e a Monarquía.

Miguel Taín, profesor titular de Historia da Arte da Universidade de Santiago, desenvolve, a celebración ao longo dos séculos da Festa do Martirio de Santiago (o 25 de xullo), a Translación (o 30 de decembro) e a Festa da Aparición de Clavijo (23 de maio). César Lombera, artista e investigador, aborda o tema da Coca ou Tarasca, personaxe profano que se incardina na celebración do Corpus en numerosos lugares da Península Ibérica e que, en Santiago, acaba por sumarse ás celebracións das festas do Apóstolo até a súa desaparición. Finalmente, Carlos Villanueva, catedrático de Historia da Música da Universidade de Santiago, ocúpase da música feita dende e para a Catedral de Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: