XUNTA DE GOBERNO

A modificación do cadro de persoal de 2011 suporá a creación tres figuras de habilitados estatais de apoio: tesoureiro, interventor e secretario

19/12/2011 A Xunta de Goberno aprobou por urxencia, na súa sesión ordinaria, unha modificación do cadro de persoal 2011. Esta modificación supón a creación de tres habilitados estatais de apoio: tesoureiro, interventor e secretario, así como a regulación dos directores de área en Facenda e Mobilidade.

Segundo explicou a concelleira de Persoal, Amelia González, esta modificación do cadro de persoal vén a paliar a irregularidade que supoñía a falta de dotación orzamentaria para as direccións de área e para determinadas prazas vacantes do devandito cadro. Neste sentido, referiuse tamén á recente aprobación do regulamento de funcionamento orgánico, que cumpría coa obriga establecida en 2004 pola Lei de Grandes Cidades. Así, recordou, "as direccións de área son figuras reservadas para eses municipios" que, como Santiago, deben contar con ese regulamento.

Amelia González indicou que as seis direccións de área contempladas para o Concello de Santiago terían un custo estimado de 431.000 euros. Coa modificación do cadro de persoal, "regularízanse as direccións de área de Facenda e de Mobilidade". Esta última queda establecida como un cargo directivo, e non como persoal funcionario, tal como se reflectía ata agora.

Tamén cualificou de "irregular" o mantemento de prazas vacantes no cadro de persoal sen crédito orzamentario. A dotación necesaria para estas prazas cifrouna en máis de 2,5 millóns de euros. Afirmou que as prazas se irán cubrindo a medida que exista dispoñibilidade orzamentaria. Para comezar, establécense tres figuras de habilitados estatais de apoio: tesoureiro, interventor e secretario.

Urbanismo
Na mesma Xunta de Goberno e en materia de Urbanismo, aprobouse a concesión definitiva de axudas para vivendas das áreas de rehabilitación integral (ARI) de Casco Histórico e Vista Alegre. No primeiro caso, outórganse axudas, correspondentes á décima fase do convenio entre o Ministerio de Fomento, o IGVS e o Concello, por importe de 16.766 euros. En Vista Alegre, aprobáronse axudas por 100.808 euros da terceira fase e 92.828 euros da cuarta fase.

En materia de licenzas, a voceira adxunta da Xunta de Goberno, María Castelao, destacou a concedida á Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Facenda para rehabilitar o edificio de oficinas do número 31 da rúa Algalia de Arriba. Esta actuación permitirá recuperar a estrutura inicial do inmoble.

Centros Socioculturais
A proposta do concelleiro delegado de Centros Socioculturais, deuse conta da sinatura do convenio de colaboración entre a Deputación Provincial da Coruña e o Concello para financiar o programa de actividades dos centros socioculturais do ámbito rural en 2011. Levaranse a cabo accións de acercamento aos propios centros, obradoiros de formación, exposicións, lectura, actividades de encontro como festas estacionais e actividades de terceira idade. O custo deste programa é de 175.000 euros, dos que a Deputación podería achegar ata un máximo de 140.000 €, o que representa un 80%.

Tamén neste ámbito, deuse conta doutro convenio, neste caso co Consorcio de Santiago, para accións culturais de base, por un importe de 30.000 euros. Neste caso trátase de levar a cabo tarefas de dinamización e alfabetización, así como o mantemento e control das aulas cando funcionan en réxime de aulas abertas.

Benestar Social
Outro dos acordos foi o da renuncia a unha subvención da Deputación da Coruña, concedida para o programa Compostela Corresponsable, por 26.183 euros, debido á falta de tempo para cumprir coas obrigas de xustificación no prazo establecido. Por este mesmo motivo e por mutuo acordo das partes, resolves o contrato non executado para esta actividade.

Ademais, aprobouse o anteproxecto de regulamento de organización e funcionamento do Consello sectorial de Familia, Benestar Social e Igualdade do Concello de Santiago de Compostela. Este Consello aglutinará catro consellos sectoriais existentes ata agora nesta área co fin de facilitar a súa operatividade.

Urxencias
Por urxencia, deuse conta do convenio asinado co Consorcio de Santiago para a creación dun inventario de patrimonio artístico, e da concesión de 15 bolsas a alumnos do Centro de Educación Especial Duques de Lugo, para participar no programa de natación "Á auga patos". Finalmente, aprobouse a sinatura dun convenio coa Secretaría Xeral de Igualdade para a posta en marcha dun servizo de teletradución na Concellería de Familia co obxectivo de facilitar a asistencia a mulleres inmigrantes vítimas da violencia de xénero.

Compartir: