EDUCACIÓN

Agasallos anticipados para os gañadores do Concurso de Carteis do Nadal

19/12/2011 O gañadores desta edición do Concurso de Carteis do Nadal recibiron os seus premios nun acto celebrado en Raxoi e presidido polo alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa. O debuxo triunfador, de Carmen Sánchez, xa foi transformado no cartel que ilustrará estas datas na cidade.

Conde Roa felicitou os gañadores e todos os participantes polo "moi bo nivel" dos debuxos presentados este ano. Tamén tivo palabras de agradecemento para o xurado e a todos convidounos a render novas visitas ao Concello.

O debuxo gañador realizouno Carmen Sánchez Cernadas, alumna de 11 anos do Colexio A Milagrosa. O cartel reflicte uns Reis Magos, rodeados de rapaces, na pista de xeo da praza da Quintana. Foi unha visita a esta instalación a que inspirou a esta nova artista, segundo ela mesmo explicou. O seu premio, un libro electrónico.

O segundo premio recaeu nunha ilustración colectiva do Colexio de Educación Especial López Navalón. Os seus alumnos recibiron un completo lote de crebacabezas, libros e CDs. O terceiro foi para Mario Came Nieto, escolar de catro anos do Colexio Vilas Alborada, quen recolleu o seu Scalextric.

Concedéronse tres accésit, por esta orde, a Noa Besada Rodríguez, de 3º de Educación Infantil do Colexio San Xosé de Cluny; á Escola Infantil de Conxo; e a Gabriela Albarello Bello, de 5 anos, do Colexio Vilas Alborada.

Documentos relacionados



Compartir: