DEPORTES

O Torneo de Nadal "A Gaiola" promove por terceiro ano o acceso da muller ao deporte

16/12/2011 O pavillón do Restollal acollerá o sábado 17 o Torneo de Nadal "A Gaiola". Baixo o lema "Todo é Deporte! Igualdade de xénero e non violencia", a iniciativa contará con varios partidos de fútbol sala, concursos e sorteos.

O concelleiro de Deportes e Xuventude, Adrián Varela, presentou o Torneo que, na súa terceira edición, celébrase por primeira vez en Santiago. Agradeceu á Sociedade Deportiva A Gaiola o seu labor de promoción do deporte feminino e expresou a intención municipal de apostar por este tipo de iniciativas que "favorecen o acceso das mulleres ao deporte competitivo".

Segundo explicou a coordinadora de A Gaiola, Sandra Reimóndez, o torneo desenvolverase entre as 17:00 e as 20:30 horas do sábado 17 no pavillón do Restollal. Haberá tres partidos de fútbol sala (masculino, feminino e mixto), nos que ademais do propio club organizador participarán outros como Conxo, Milladoiro ou Compostela.

Ademais dos partidos, celebraranse concursos de toque, velocidade con balón e tiro. E para completar unha entretida xornada, realizaranse diversos sorteos, que son posibles grazas ás entidades colaboradoras que cederon os artigos de agasallo. A coordinadora anunciou que o Torneo contará coa presenza dalgunhas caras coñecidas e convidou ás familias compostelás a participar nesta iniciativa.

O presidente da Sociedade Deportiva A Gaiola, Manuel Reimóndez, explicou a filosofía de traballo do club, nado hai catro anos e que compite en categorías locais. O seu obxectivo, indicou, é facilitar os acceso feminino e a igualdade de oportunidades no deporte.

Compartir: