EMPREGO

O programa de inserción laboral "Emprego Santiago" desenvolve 12 accións formativas

16/12/2011 A concelleira e Familia, Benestar Social, Muller e Emprego visitou os alumnos do programa Emprego Santiago, que están realizando un curso de cociña no Albergue de Xoán XXIII. Este curso forma parte das 12 accións formativas modulares que neste mes de decembro se están a realizar no marco do programa integral de inserción Emprego Santiago.

As persoas usuarias do programa Emprego Santiago estanse formando na utilización das TICs para a xestión administrativa e da empresa (30 participantes); en ofimática e Access avanzado (25 participantes); nas especialidades de atención ao público (25 participantes), cociña (13 participantes), limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais (10 participantes); almacenista (10 participantes); mantemento e reparación de edificios (15 participantes); inglés (10 participantes); iniciación informática (15 participantes); e busca activa de emprego (11 participantes).

Ademais da formación correspondente a cada especialidade, levaranse a cabo prácticas non laborais en empresas en non menos dun 50% das prazas, que se realizaran despois de finalizada a acción formativa. A súa duración máxima será de 80 horas, a razón de cinco horas diarias. O Programa Emprego Santiago, está subvencionado pola Consellería de Traballo da Xunta de Galicia.

Paula Prado aproveitou a súa visita ao curso de cociña para manifestar a súa satisfacción pola calidade das prácticas realizadas, dado o alto nivel de destreza adquirido polos alumnos do curso. A concelleira felicitou os participantes polo "magnífico labor que están realizando" e animounos a que aproveiten o período de prácticas en empresa para mostrar as súas habilidades adquiridas nestas accións. "Queremos que a xente saia cunha boa formación teórica e práctica", dixo, resaltando a boa acollida do programa entre as persoas desempregadas.

Axuda ao Albergue
A concelleira tamén anunciou que o Goberno local vai duplicar a subvención destinada ao Albergue de Xoán XXIII para 2012, situándoa nos 34.000 euros, fronte aos 17.000 percibidos en 2011.

Compartir: