ALCALDÍA

O Nobel de Física Heinrich Rohrer visita o Concello

16/03/2006 Con motivo do inicio do ciclo de conferencias Conciencia, que traen a Santiago a prestixiosos científicos, moitos deles premios nóbeis, Heinrich Rohrer, Premio Nobel de Física en 1986, visitou a Casa do Concello, onde foi recibido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Tras a visita á Casa do Concello, Heinrich Rohrer, Premio Nobel de Física, falou na Aula Magna da facultade de Químicas da USC arredor dos descubrimentos máis destacados da súa traxectoria científica, centrada no ámbito da nanotecnoloxía (ciencia que traballa en escalas de millonésima de milímetro), así como as implicacións que esta materia ten en diversos aspectos da vida. Mañá, venres 17, Rohrer manterá un encontro coa comunidade científica galega na Casa de Europa.

Este físico, nado en Suíza en 1933, recibiu o Premio Nobel de Física en 1986, pola invención do microscopio de Efecto Túnel, que equivale para a nanotecnoloxía o que o telescopio para a astronomía. Este aparello permite "ver" átomos individualmente, ofrecendo a posibilidade de manipulalos un a un, polo que é considerado o instrumento máis preciso para manipular a materia, permitindo a evolución da nanotecnoloxía.

Ademais, Rohrer colaborou, en 1984, no proxecto do Microscopio de Forza Atómica, que conduciu á creación dunha gran variedade de instrumentos para estender as imaxes de resolución case atómica a moitas outras forzas como a fricción e o magnetismo.

A partir de 1986, Heinrich Rohrer foi nomeado director do Departamento de Física dos laboratorios que a compañía IBM ten en Zúrich, onde continuou coas súas investigacións sobre os materiais antiferromagnéticos.

Filosofía da ciencia
O físico suízo ten deixado claro ao longo das súas intervencións mediáticas o seu posicionamento centrado no progreso da sociedade a través a ciencia. "Eu non teño ningún temor aos nanorrobots. A sociedade sempre lle ten medo aos avances e quere controlar a ciencia e debería confiar nos científicos porque non queremos enganala", afirmou.

Do mesmo xeito, Rohrer amósase optimista coas posibilidades do saber científico ao aseverar que "sempre lle temos que dar unha oportunidade ao futuro, pero éste non depende só da tecnoloxía, senón do que nós fagamos con esa tecnoloxía". E engade: "non hai límites. Imos poder facer practicamente calquera cousa. A pregunta é que queremos facer".

Compartir: