CULTURA

"Torvaldo furioso", de El Óbolo Producciones, pecha o Teatro en Xira 2011

14/12/2011 El Óbolo Producciones chega o xoves 15 a Compostela para representar Torvaldo furioso, co que se pecha o ciclo Teatro en Xira, organizado pola Concellería de Cultura. A representación poderá verse no Teatro Principal a partir das 21.00 horas. As entradas, a un prezo de 12 euros en butaca, platea e primeira planta; 8 euros na segunda planta e 6 euros no anfiteatro, xa están á venda na billeteira virtual de Novagalicia Banco. Os días de función poden mercarse na propia billeteira do Principal.

A acción da obra, dirixida polo vigués Lino Ferreira, mostra unha hora na vida do matrimonio formado por Torvaldo e Angélica. Tan só unha hora que, con todo, resultará crítica, fundamental e determinante na súa relación. De madrugada, cando volven dunha festa de disfraces, para Torvaldo e Angélica precipítanse os acontecementos. Debido á chantaxe do que é obxecto Torvaldo por parte do seu irmán xemelgo, Reinaldo, que acaba de saír do cárcere, destápase e explota un segredo que implica ao propio Reinaldo e Angélica que, subitamente, fai cambalear os cimentos do cabaleiresco e ficticio mundo en que Torvaldo está inmerso e fabricou para o seu matrimonio. Un segredo. Un segredo aparentemente ben gardado, xustificado por amor, que vai saír á luz, que de súpeto explota e produce nos personaxes reaccións e contra-reaccións. Unha feroz batalla conxugal. Estalan as acusacións mutuas. A crueldade, a angustia, a tortura, os malos tratos físicos e psicolóxicos aprópianse da escena. Torvaldo, Angélica e Reinaldo ante unha situación límite retrátanse.

El Óbolo Producciones nace da inquietude dun grupo de profesionais do teatro que se une ante a necesidade de elaborar un proxecto artístico propio. Tras unha traxectoria continuada en diferentes compañías pasan a formar parte do elenco do Teatro de la Abadía. E é da man do seu director, José Luis Gómez, onde deciden crear El Óbolo.

Dentro do ciclo Teatro en Xira puidemos gozar xa de Razas, de David Mamet, texto que viña de triunfar en Broadway, e que chegou a Compostela adaptado e dirixido por Juan Carlos Rubio e protagonizado por Toni Cantó e Bernabé Rico; de A muller xusta, do dramaturgo Sandor Márai, adaptada por Eduardo Mendoza e posta en escena por Tanttaka Teatroa; de A gata sobre o tellado de zinc quente, de Tennessee Williams, posta en escena por Teatre Lliure Grácia; dunha das producións comerciais do momento de maior calidade, Crime perfecto; e de A colmea científica ou o café de Negrín, de Teatro El Cruce. A aposta máis arriscada do ciclo é precisamente coa que se pecha o ciclo, Torvaldo furioso, de El Óbolo Producciones.

Compartir: