BENESTAR SOCIAL E MEDIO AMBIENTE

O civismo ten premio coa campaña de reciclaxe "Retorna. En Santiago de Compostela, ningún envase ao chan"

14/12/2011 As concelleiras de Benestar Social, Paula Prado, e de Medio Ambiente, María Castelao, presentaron na praza do Obradoiro a campaña de reciclaxe Retorna. En Santiago de Compostela, ningún envase ao chan. Esta iniciativa pretende sensibilizar sobre a reciclaxe de envases de plástico, vidro e metal. Ademais, neste caso, o civismo ten premio.

A chegada do Retorna Tour a Santiago enmárcase nas medidas postas en marcha polo Goberno local, en diversos ámbitos, para abordar o problema do botellón e do consumo de alcohol na vía pública. Precisamente por esta razón, o vehículo que alberga o colector de envases situarase nun dos lugares onde máis se concentra esta práctica, no Campus Sur. Estará a carón da Biblioteca Concepción Arenal ata o venres 16 de decembro, en horario de 17:00 a 20:00 horas.

As concelleiras animaron aos cidadáns a sumarse a esta iniciativa e a levar os seus envases de bebidas –latas e botellas de plástico de ata dous litros- ata este punto de recollida. Por cada envase deixado na máquina, o depositario recibirá cinco céntimos. Contribuirase así a unha forma de reciclaxe máis xusta, ecoeficiente e económica. A participación tamén pode ser solidaria, xa que o cidadán pode optar por doar o valor dos envases á Federación Española de Banco de Alimentos.

Paula Prado agradeceu a implicación nesta experiencia á Universidade de Santiago, representada nesta demostración pola directora da Oficina de Desenvolvemento Sostible, Teresa Barral, para a cal este sistema é "o máis axeitado dende o punto de vista ecolóxico e económico". Pola súa parte, María Castelao indicou que se está a estudar a posibilidade de ampliar a iniciativa a outras zonas da cidade e a máis colectivos, ademais dos mozos.

Unha das novidades da campaña para Santiago é unha cámara interna a través da que se pode observar a eficacia da separación e compactación dos envases. Dende a pantalla externa da furgoneta pódese ver cómo a máquina de demostración separa as latas de metal e aluminio dos envases de plástico e logo os compacta para a súa posterior entrega a un reciclador autorizado.

A máquina de reciclaxe estará atendida por voluntarios da Universidade de Santiago, previamente formados. O material recollido será levado ao Punto Limpo do Polígono do Tambre para a súa reciclaxe.

O proxecto Retorna
Retorna é un proxecto impulsado por empresas da industria de recuperación, asociacións de consumidores, ONG ecoloxistas e sindicatos. Está a percorrer diversas cidades españolas e aposta por un sistema de reciclaxe que converte os residuos en recursos.

Este sistema –din- incentiva a reutilización, propicia menos lixo nas rúas e un aforro municipal nos custes de recollida de residuos e de tratamento dos mesmos. Tamén afirman que é unha modalidade xeradora de emprego verde e redutora dos niveis de emisións de CO2.

Algúns datos
- Cada día entran no mercado español 51 millóns de envases de bebidas. Con esa cantidade, cada dez días encheríase de envases un gran estadio de fútbol. Nun ano completaríanse 36 estadios.
- Só se recicla o 30% dos envases lixeiros que se consumen en España. O 70% restante acaba abandonado na natureza ou en vertedoiros e incineradoras.
- O sistema de depósito para envases xa existe en 37 países e rexións do mundo e novos países están adoptando o sistema (Alemaña, Noruega, Canadá, Suecia...).

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: