MOBILIDADE

O concelleiro de Mobilidade cre que a peonalización de rúas favorecerá a revitalización do pequeno comercio

13/12/2011 Tras a primeira experiencia de peonalización das rúas Xeneral Pardiñas e República do Salvador, o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Albino Vázquez, sacou conclusións satisfactorias tanto dende o punto de vista da mobilidade como dos residentes e do comercio.

No relativo á mobilidade e ao tráfico, o concelleiro explicou que salvo "media hora de desconcerto" no momento de cortar as rúas, especialmente na praza de Ponte Castro, durante as dúas xornadas "todo funcionou aceptablemente". Tampouco houbo problemas significativos de tráfico na confluencia de República do Salvador con Doutor Teixeiro. A normalidade tamén se constatou no comportamento do transporte urbano e no acceso dos residentes aos seus garaxes.

Albino Vázquez apuntou igualmente que se produciu "máis afluencia de xente do normal" e que as impresións maioritarias dos viandantes en relación á experiencia foron positivas. En conclusión, engadiu, "temos un instrumento de traballo para o futuro, tanto para nós como para os comerciantes e os residentes".

En alusión a estes últimos, considerou "interesante" ter recuperado "a imaxe dos menores xogando na rúa" e tamén das bicicletas nas rúas afectadas. Outro dos efectos positivos da experiencia foi, segundo explicou, a redución tanto da polución como do ruído, favorecendo unha mellor calidade medioambiental.

Continuidade nas rúas peonalizadas
Cara o futuro, o concelleiro expresou que o ideal sería propiciar a "continuidade" das áreas peonalizadas, de xeito que se puidese ir a pé dende o Casco Histórico ata o Ensanche. Neste sentido, indicou que este tipo de medidas "é ao que se tende en moitas cidades españolas e europeas".

Albino Vázquez referiuse igualmente á incidencia sobre o comercio, para o que recorreu a un estudo sobre 40 cidades europeas que o seu Departamento tamén tomou como referencia. Así, apuntou que nestas experiencias tamén houbera reticencias iniciais dos pequenos comerciantes, as cales posteriormente se transformaron mesmo en "entusiasmo". As iniciativas de peonalización noutras cidades, dixo, non produciron "nin menos mobilidade nin menos volume de ventas, senón que os resultados revelan todo o contrario". Por iso, cre que a peonalización das rúas do Ensanche contribuirá a "revitalizar o pequeno comercio" das mesmas.

Á vista dos datos da primeira proba, afirmou que "é posible" por en marcha a experiencia tamén en días laborables e tamén estender a medida a outras rúas. Este será un asunto do que se falará coas asociacións de comerciantes do Ensanche.

Repetición da experiencia
Cara a peonalización futuras corrixiranse algúns aspectos. Por exemplo, estase a estudar unha posible redución de frecuencias e incidirase en diminuír a velocidade de paso dos autobuses.

A propósito do servizo de transporte urbano, Albino Vázquez salientou o incremento de usuarios (70.000 máis) e a mellora dos niveis de puntualidade producidos nos últimos cinco meses.

Estación do AVE
Preguntado polos xornalistas sobre a futura estación do AVE, o concelleiro non quixo a entrar a valorar o proxecto arquitectónico, pero si insistiu na postura do Goberno local de defender a permanencia da estrutura da estación actual. Ademais, reiterou que non se teñen aclarado as cuestións relativas á mobilidade nunha zona xa saturada polo tráfico. Neste sentido, referiuse á insuficiencia da rotonda de Galuresa e do vieiro Clara Campoamor para asumir o tráfico que se puidera derivar da futura instalación intermodal.

Documentos relacionados



Compartir: