ALCALDÍA

O alcalde recibiu o Nobel Sheldon Glashow

12/12/2011 O Nobel de Física en 1979, Sheldon Glashow, está en Compostela para participar na sexta edición do programa ConCiencia, organizado polo Consorcio e a Universidade de Santiago. O científico foi recibido en Raxoi polo alcalde, Xerado Conde Roa.

Sheldon Glashow uniuse á cada vez máis extensa nómina de premios Nobel que teñen deixado a súa sinatura no Libro de Honra da cidade. O científico tivo a oportunidade de conversar uns minutos co alcalde, e entre os temas non faltou a referencia ao anuncio dos investigadores do CERN sobre o descubrimento do bosón de Higgs, previsto para o mediodía do martes 13. Glashow coñecerá este anuncio en Santiago acompañado polo alumnado da Facultade de Física.

Tras escoitar o anuncio, Glashow pronunciará a conferencia "Unha breve historia da física de partículas". Será ás 20:00 horas do martes 13 no auditorio Novacaixagalicia (Preguntoiro, 23). Antes, pola mañá, o investigador norteamericano manterá un encontro con estudantes, docentes e persoal investigador.

Sheldon Glashow
Profesor na Universidade de Boston logo de pertencer durante moitos anos á de Harvard, Glashow é unha lenda viva no eido da física, xa que foi quen de unificar dúas das forzas fundamentais do universo como son a electromagnética e a responsable da radioactividade (que se suman á gravitatoria e á forza forte que mantén unidos a protóns e neutróns no núcleo do átomo), o que deu na teoría electrodébil que lle valeu o Premio Nobel en 1979 xunto con Steven Weinberg e Abdus Salam. Especificamente, a acta do Premio xustificaba a decisión polas súas achegas "á teoría da interacción electromagnética e feble unificada entre partículas elementais, incluíndo, entre outras, a predición da corrente neutral feble".

Tras a primeira grande unificación da física realizada no século XIX por James Clerk Maxwell, quen demostrou que a electricidade e o magnetismo eran dúas caras dun mesmo fenómeno, Glashow foi quen deu o primeiro paso na dirección de unificar o resto das interaccións. En 1960 construíu un modelo teórico que amosaba que o electromagnetismo de Maxwell e a forza feble, caracterizada por Enrico Fermi, eran en realidade dúas manifestacións dunha única interacción á que chamou electrodébil. Isto pese a que ambas forzas presentan unha aparencia e intensidade moi distintas.

A teoría de Glashow predí a existencia dunha partícula nova, o bosón Z, cuxo descubrimento no CERN, en 1973, constitúe un dos fitos da historia da física.

Compartir: