ALCALDÍA

O alcalde, satisfeito coa primeira experiencia de peonalización en rúas do Ensanche

12/12/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, amosouse satisfeito pola experiencia de peonalización da última fin de semana das rúas República do Salvador (tramo entre Doutor Teixeiro e a Praza Roxa) e Xeneral Pardiñas (entre a República Arxentina e Montero Ríos).

De "positiva" cualificou o alcalde esta primeira experiencia de peonalización no Ensanche. Serviu tamén para "detectar problemas" e perfilar "cousas que hai que corrixir". Neste sentido, indicou que durante esta semana se manterán reunións coas asociacións de comerciantes para "ir avanzando cara un deseño definitivo".

Sobre a experiencia da última fin de semana destacou que propiciou "dar un paseo e comprar con tranquilidade" nas rúas peonalizadas. Ademais, valorou a axilización do transporte público que supuxo a ausencia de vehículos.

Volvendo ás complexidades dunha iniciativa piloto como esta, Conde Roa apuntou que "non hai ningunha peonalización en ningunha cidade na que non tiveran xurdido dificultades". En calquera caso, dixo, a posta en marcha da experiencia en fins de semana permite "evitar colapsos de tráfico".

Alta velocidade
Preguntado pola posta en marcha da liña de alta velocidade entre A Coruña, Santiago e Ourense, o rexedor municipal cualificouna como un "acontecemento histórico" co que "temos que estar contentos". Agradeceu aos que fixeron posible este fito e indicou que "vai cambiar a mobilidade en Galicia". "Nisto Santiago ten moito que gañar pola súa centralidade", engadiu.

Compartir: