ALCALDIA

O alcalde de Santiago será o delegado rexio na Ofrenda da Traslación

09/12/2011 Segundo comunicou a Casa Real, o alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa, será o delegado rexio no acto da Ofrenda de Traslación dos restos do Apóstolo de 2011, que terá lugar o venres 30 de decembro.

S.M Don Juan Carlos de Borbón designou o alcalde de Santiago para actuar como delegado rexio na Misa Solemne da Ofrenda Nacional de Traslación dos Restos do Apóstolo Santiago, que terá lugar na Catedral de Santiago. A cerimonia da Traslación celébrase o 30 de decembro de cada ano en recordo do lexendario traslado dos restos do Apóstolo Santiago dende o porto de Jaffa (Xerusalén) ata as costas galegas, onde foron desembarcados no peirao de Iria Flavia (Padrón).

Será a primeira vez que Xerardo Conde Roa actúe como delegado rexio, sucedendo no posto ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que o foi o ano pasado e en 2009. A ex-presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, actuou de oferente na Traslación de 2008; en 2007 desempeñou esta función o ex-alcalde Xosé A. Sánchez Bugallo, mentres que en 2006, foi o ex-presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, o delegado rexio. En 2005, o Rei nomeou delegado neste acto ao xefe da súa Casa naquel momento, Alberto Aza.

Compartir: