REAL FILHARMONÍA

A Real Filharmonía de Galicia e o Orfeó Català interpretan a misa "In tempore belli" de Haydn

15/03/2006 A Real Filharmonía de Galicia, auspiciada polo Consorcio de Santiago, e dirixida polo mestre titular Antoni Ros Marbà, interpretará as obras de Mozart Sinfonía nº 39 en Mi bemol maior, KV 543 e de Haydn, Misa en Do maior, Hob XXII/9 "In tempore belli".

Contarase para a ocasión con solistas como Olga Pasichnyk, soprano; Angélique Noldus, mezzosoprano; Julian Podger, tenor; Werner van Mechelen, barítono-baixo e a colaboración do coro Orfeó Català.

O título da misa In tempore belli (En tempo de guerra) en do maior que hoxe nos ocupa é do propio Haydn, quen evidentemente se sentía angustiado pola turbulencia sanguinaria da Europa daqueles anos, como volveu a demostrar na dramática misa en re menor de 1798, que titulou In angustis (En tempos angustiosos). En cambio, o subtítulo Paukenmesse (Misa de timbais) con que é coñecida a misa In tempore belli nos países xermánicos, é de orixe popular, e alude naturalmente á instrumentalización, na que os timbais adquiren prominencia en certas pasaxes.

A soprano Olga Pasichnyk naceu en Ucraína. Desde 1992 traballa como solista para a Warsaw Chamber Opera. Participou con grande éxito en óperas de Mozart, Monteverdi, Haendel, Rossini, Verdi, Puccini, Debussy, Chaicovsqui e compositores contemporáneos, na maioría dos países europeos, Estados Unidos, Canadá e Xapón. Participou nos máis prestixiosos festivais internacionais de canto en sitios como o Thêatre des Champs-Élysées, Salle Pleyel, de París, Concertgebow de Amsterdam, Berliner Konzerthaus, Palais de Beaux Arts, Thêatre Royal de la Monnaie, de Bruxelas, Finnish National Opera, Flemish Opera, Polish National Opera, etcétera, colaborando con grandes orquestras como a Polish National Philarmonic Orchestra, RTVE, Polish National Radio Orchestra, Orchestre Colonne de Paris, Das Neue Orchestra de Colonia, La Grande Écurie et la Chambre du Roy de Francia, The English Concert, European Union Baroque Orchestra, Academy of Ancient Music, dirixida por Roy Goodman, J.C. Malgoire, A. Parrot, K. Penderecki, T. Pinnock, M. Soustrot, C. Spering, M. Viotti.

Compartir: