BENESTAR SOCIAL

O Concello inicia unha campaña para concienciar os adultos sobre a súa responsabilidade no consumo de alcol por parte dos menores

01/12/2011 O material da campaña, presentada pola concelleira de Benestar Social e UMAD, Paula Prado, en rolda de prensa, vai enfocado a pais, nais e responsables dos negocios de hostelería e ocio nocturno da cidade co obxectivo de que tomen conciencia a respecto do seu papel na prevención do consumo de bebidas alcólicas por parte dos menores.

Paula Prado destacou que "Santiago é unha cidade para todos, donde viven persoas que traballan cedo, outras con turnos de noite, xente que ten fillos pequenos, outros que están enfermos, persoas maiores e mozos; e todos necesitan un espazo tranquilo e equilibrado para vivir: e este é o obxectivo da campaña, conseguir unha convivencia saudable".

Preséntase a través de pósters, flyers e manteles para os negocios de Hostelería onde se dan a coñecer as normas da chamada Lei de Convivencia. "Santiago é pioneiro na aplicación desta normativa, que xa leva en marcha dende o mes de setembro, e pensamos que era necesario informar da mesma a toda a sociedade, de ahí que puxeramos en marcha esta campaña informativa", indicou a concelleira.

A campaña divídese en cinco viñetas que recollen unhas normas básicas para poder chegar a esa convivencia e as multas económicas que se comtemplan nesta lei para os que a incumpran. Quérese con isto que os mozos, a hostelería, os supermercados, os 24 horas e toda a sociedade en xeral, coñezan os seus dereitos e os seus deberes, porque "para lograr unha convivencia saudable hai que poñer uns límites a cumprir e unhas sancións para os que os incumpran. O noso obxectivo final non é probihir, nin acabar ca vida nocturna dos mozos senón apostar por esa convivencia".

Repartiranse 500 folletos póster, 5.000 manteis e 5.000 postais facendo especial fincapé na hostalería pero tamén se poderán recoller nos centros socioculturais, educativos, superficies comerciais e mesmo pola rúa.

Esta campaña atópase enmarcada no Plan local de acción na prevención de drogodependencias, no eixo nº 3 de prevención universal dirixida á familia, e xorde para informar da responsabilidade que teñen os adultos, en relación ao consumo de alcol por parte dos menores segundo a ordenanza municipal de convivencia, residuos e limpeza viaria e a Lei 11/2010 de prevención de consumo de alcol en menores de idade.

Continuará no 2012 con outras fórmulas de presentación, mupis, traseira de autobuses, redes sociais, etc. Asimesmo desenvolverase a segunda parte da campaña que irá dirixida á poboación nova divulgando accións de lecer alternativo, de vida sana, participativa, comprometida, de responsabilidade e de diversión da mocidade.

Datos sobre consumo de alcol
A concelleira ofreceu algúns datos significativos sobre o consumo do alcol por parte dos menores extraídos dun estudo do Ministerio de Sanidade: o 90% deles asegura que pode conseguir bebidas alcólicas nun prazo de 24 horas, de aí que a campaña tamén faga un chamamento a través das viñetas a aquelas persoas que facilitan que os mozos que aínda non chegan aos 18 consuman alcol.

Aínda que se constata un descenso no consumo (se en 1994 bebía o 75% en 2008 facíao un 58%), éste é menos responsable xa que mentres que en 1994 se emborrachaba o 21% dos menores agora faino o 49%, polo que se "fai necesario seguir concienciando á poboación".

Compartir: