URBANISMO

O Concello crea un rexistro auxiliar en Urbanismo para axilizar expedientes e trámites

30/11/2011 A concelleira de Urbanismo e Casco Histórico, María Pardo, presentou en rolda de prensa unha iniciativa encamiñada a mellorar a tramitación de expedientes urbanísticos e reducir os prazos dos mesmos.

Trátase da posta en marcha dun Rexistro Auxiliar de Urbanismo atendido por dous auxiliares e un técnico do propio departamento, que asesorarán directamente ao interesado no momento de presentar a documentación. Deste xeito mellórase a información e atención aos cidadáns xa que os funcionarios poderán solucionar as dúbidas que se lles presenten, dende a liquidación da correspondente taxa ata cales son os documentos necesarios.

Segundo sinalou a concelleira, observouse que "os expedientes sofren retrasos derivados desde o rexistro da solicitude en Galeras ata a apertura do expediente ou a unión a un expediente existente da documentación presentada". Por isto, o novo rexistro auxiliar xorde coa finalidade de presentar escritos e comunicacións que se tramitan na Concellería de Urbanismo e axilizar así a xestión dos correspondentes expedientes.

Obras menores, maiores e actividades
Con esta medida búscase que as licenzas de obras menores se concedan nun prazo aproximado de tres días, sempre que non requiran informes sectoriais a maiores e que a solicitude estea correcta no momento da presentación. No caso das obras maiores, este rexistro permirtirá reducir os prazos de apertura de expediente, os prazos de requerimento de documentación complementaria, os prazos de unión aos expedientes, axilizar a información facilitada aos solicitantes sobre esta documentación, etc. A este fin, habilitarase un apartado nos impresos co obxectivo de permitir a comunicación voluntaria mediante mail, sen prexuízo das comunicacións polos medios ordinarios con acuse de recibo. Se o solicitante o desexa poderá recoller as licenzas outorgadas no mesmo rexistro.

No caso das comunicacións e declaracións responsables de actividades, que permiten o exercicio da actividade desde o momento da súa presentación no rexistro, acortaranse os prazos de supervisión polos técnicos do departamento.

Ubicación e horario
Este rexistro auxiliar estará ubicado na segunda planta do Pazo de Raxoi, á entrada do Departamento de Urbanismo, e funcionará en horario de 9 a 14 horas de luns a venres. Os días 24 e 31 de decembro e os sábados, hábiles a efectos de cómputo de prazos, non funcionará, pero estará aberto o rexistro xeral situado en Galeras.

A proposta levarase á vindeira Xunta de Goberno e trala adopción do acordo procederase á súa publicación no BOP. Cumpridos estes trámites e unha vez montada a infraestrutura necesaria comezará a funcionar.

Documentos relacionados



Compartir: