EDUCACIÓN

Abrese o prazo para a presentación dos carteis de Nadal

29/11/2011 A Concellería de Educación convoca unha nova edición do concurso "Cartel de Nadal" dirixida a todos os escolares de Santiago. O debuxo gañador ilustrará o programa de nadal do Concello. Os traballos poden presentarse ata o 14 de decembro.

O concelleiro de Educación, Ángel Currás, deu conta das bases da convocatoria, que foron aprobadas na última sesión da Xunta de Goberno Local. No concurso poderán participar todos os escolares de educación infantil e primaria do municipio de Santiago. Cada centro de ensino ou colectivo que traballe con estes grupos de idade, enviará o número de traballos que lle pareza oportuno, coa única limitación dun cartel por neno/a cunhas medidas de 50 x 40 como mínimo e 70 x 40 como máximo.

Cada cartel deberá incluír na súa parte posterior os seguintes datos: nome e apelidos do neno/a; curso; idade; centro onde estudia; teléfono particular. Os traballos presentados non poderán incluír elementos e materiais que sobresaian do debuxo, como por exemplo: palillos, algodón, purpurina, papel pegado, etc. pola dificultade de reproducir un cartel con estes engadidos e pola inevitable degradación que sofren estes materiais nos traslados.

Con todos os traballos recibidos, dada a previsible cantidade, realizarase unha escolma polo Departamento de Educación do Concello de Santiago. O xurado do cartel e do programa das Festas do Nadal 2011 estará constituído por: 6 escolares, 3 persoas do Concello de Santiago e 1 profesional do deseño. Por sorteo, o Concello elixirá 6 centros de ensino do municipio de Santiago, que enviarán un escolar por centro, pasando a integrar o xurado do Concurso.

O veredito terá lugar no Salón Verde da Casa do Concello o día 15 de decembro de 2011 e a entrega farase nun acto público que se celebrará previsiblemente o 19 dese mesmo mes.

A contía dos premios é a seguinte: 1º premio: 320 € dos que 200 € son para o gañador e 120 € para o colexio; 2º premio: 215 €, 125 € para o alumno e 90 € para o centro; 3º premio: 160 € repartidos entre 100 € e 60 € para o neno e o colexio respectivamente. Os tres accésit serán de 60 euros cada un.

Os premios para os nenos/as e centros de ensino gañadores serán canxeados polo Departamento de Educación por agasallos (xogos, xoguetes, libros, material didáctico, material informático, material audiovisual e fotográfico, material artístico,…), de acordo coas súas familias e directores/as dos centros de ensino, para garantizar que un agasallo destas características satisfai o interese de cada neno/a e de cada centro, e serán entregados nun acto público presidido polo alcalde de Santiago.

O prazo de presentación está aberto desde o 28 de novembro ao 14 de decembro de 2011, no Departamento de Educación do Concello de Santiago, Rúa do Vilar, 13. Teléfonos 981-554 400 / 554 401

Compartir: