CULTURA

Cineuropa propón unha experiencia divertida dirixida aos espectadores do futuro

25/11/2011 Dentro das actividades paralelas ao Festival, Cineuropa ten moi en conta aos que no futuro serán os seus espectadores. Así, ademais da tradicional programación de Cine Miúdo e os obradoiros de iniciación ao cine ou de técnicas cinematográficas, os máis novos poderán achegarse o sábado 26 ata a praza Roxa, a partir das 16:30 horas, e gozar dunha divertida experiencia con A Caixiña dos Mistos. Esta actividade está dirixida, fundamentalmente, aos nenos e nenas de ata 14 anos e a entrada é gratuíta.

A Caixiña dos Mistos é unha sala de cinema itinerante dentro dunha caravana que proxecta películas de curta duración especialmente dirixidas ao público infantil e adolescente. Os contidos audiovisuais son diversos e de todo o mundo e as pezas teñen unha duración aproximada de entre 10 e 20 minutos. Curtas á carta onde os nenos e nenas elixen as pezas que queren ver da carteleira, segundo os seus gustos e a súa idade.

É unha experiencia diferente co mundo audiovisual, xa que non só se ven películas. Antes de entrar, na súa alfombra de cores, pódese gozar de diferentes actividades. Á saída, todos os espectadores valoran as pezas visionadas, establecendo unha clasificación entre todas as que conforman o catálogo. En definitiva, Cineuropa propón con A Caixiña dos Mistos entretemento e aprendizaxe lúdica conxugados nun soporte interactivo especialmente deseñado para espertar a curiosidade dos que serán os espectadores do futuro e introducilos no coñecemento do mundo do cinema.

Compartir: