CULTURA

O festival Cineuropa reserva para a súa última semana o cine máis esperado

25/11/2011 A XXV edición de Cineuropa reserva para a súa última semana o groso dos títulos que máis expectación teñen espertado este ano. O cine máis transgresor ou extremo nas súas formas ou contidos, como é o caso do Oso de Prata en Berlín, O cabalo de Torino, ou a fin do mundo segundo Bela Tarr; a capacidade para sorprender dos franceses Bruno Dumont ou Bertrand Bonello, que removeron Cannes con Hors Satan e L'Apollonide. E o atrevemento do xaponés Shion Sono con Cold Fish e Guilty of romance, ademais do recente León de Ouro en Venecia gañado polo ruso Aleksandr Sokuroy e o seu controvertido Fausto.

Esta semana de cine que lle queda ao festival é tamén, por contraste, a dalgúns dos autores que mellor souberon interpretar a tenrura: Michael Hazanavicius con The Artist, unha película cun humor que arrasa por onde vai e que ten un destino final seguro nos Óscar. E Valerie Donzelli, cuxo cine daremos a coñecer na comedia inclasificable A raíña das mazás e co seu máis recente traballo, o mellor filme en Cannes da Semana da Crítica, A guerra está declarada. Os irmáns Dardenne, presentes as súas películas en tantas edicións de Cineuropa, alcanzan con O neno da bicicleta, unha das mellores decantacións das súas historias onde un xove agonista se enfronta a un mundo hostil.

Queda ademais por ver unha das películas de contido político máis lúcidas do ano, El estudiante, triunfadora en Locarno e Bos Aires. E espérannos, nesta última semana, o poderoso rexurdir de dous veteranos, Monte Hellman e Jerzy Skolimowsky, quen coa historia de cine dentro do cine Road to nowhere e o asoballante thriller Essential killing parecen renacer como enfants terribles.

Compartir: