MULLER

Os escolares de Santiago trazan un camiño de pegadas contra a violencia de xénero

25/11/2011 Con motivo da celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, a cidade histórica foi o escenario da culminación do programa Esta é a miña man. Escolares de Compostela uniron as pegadas das súas mans como símbolo de unión na loita contra a violencia de xénero.

A concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, participou neste acto, que consistiu na formación dun gran camiño de mans, que alcanzou finalmente os 480 metros. 22 centros escolares e 4.587 alumnos participaron nesta iniciativa, que comezara nos propios centros educativos coa elaboración dos patróns das mans, de cor violeta e co nome de cada un dos escolares.

Unha representación destes alumnos e alumnas (619) culminou o camiño de mans na praza do Obradoiro. Logo, gardouse un minuto de silencio en recordo das vítimas da violencia de xénero.

Paula Prado apuntou tras o acto que "o camiño da sensibilización debe iniciarse dende as idades máis pequenas". De aí a importancia de actos como este para "implicar aos centros escolares na loita contra a violencia de xénero".

Camiño solidario
Os actos programados continúan o sábado 26 co Camiño solidario, unha andaina que partirá da praza de Lavacolla ás 10:00 horas. Os que desexen realizar un percorrido máis curto poderán incorporarse en torno ás 11:30 horas na praza da Fonte (Monte do Gozo).

Os camiñantes, que en todo momento estarán acompañados por monitores e por un coche de apoio, chegarán sobre as 12:30 horas á praza do Obradoiro, onde se realizará unha concentración. Unha delegación municipal tamén participará na marcha.

Exposición
Tamén está prevista unha exposición fotográfica baixo o título Así é como vivo. Recollerá fotografías reais de fogares nos que viven mulleres e fillos que sofren situacións de violencia. Na preparación desta mostra, o Concello conta coa colaboración doutras administracións, que cederán as fotografías. En función da selección e do volume final da exposición, esta celebrarase na Casa das Asociacións de Benestar Social ou no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche.

Esta exhibición fotográfica transformarase logo en exposicións itinerantes por centros socioculturais e educativos da cidade. En principio está previsto están previstas dez exposicións itinerantes, sen prexuízo de que se poidan incrementar en función da demanda.

Documentos relacionados



Compartir: