ALCALDÍA

O alcalde afirma que a nova avenida Manuel Fraga Iribarne salda unha débeda por "tantos servizos prestados a esta cidade"

25/11/2011 A Cidade da Cultura acolleu o acto de inauguración da avenida Manuel Fraga Iribarne. Dábase así cumprimento ao acordo do Pleno da Corporación de outorgar o nome do ex presidente da Xunta a este vieiro, que une Sar co complexo do Gaiás, proxecto que el impulsou.

O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiron o acto, no que tamén participaron membros da familia de Manuel Fraga, entre eles a eurodeputada Carmen Fraga e o deputado parlamentario Pedro Puy Fraga. O primeiro lamentou precisamente ao inicio da súa intervención que o propio Manuel Fraga non puidera ter participado no acto, "como sei que era o seu desexo, e así mo transmitiu cando o chamei, a finais de setembro, para comentarlle que o Pleno do Concello aprobara incluír o seu nove no nomenclátor da capital de Galicia".

Tras agradecer a todos os presentes a participación nesta "mostra de afecto e recoñecemento", Conde Roa afirmou que se estaba "saldando unha débeda" por "tantos servizos prestados a esta cidade, baseados sempre no gran respecto institucional que distinguiu a súa relación cos gobernos composteláns". Tamén valorou a súa "extensa traxectoria política", marcada pola "honradez e o respecto pola administración da cora pública".

Compromiso con Galicia
O alcalde definiu a Manuel Fraga como "un erudito home de Estado, o que non lle impediu ser ao mesmo tempo un home do pobo, próximo aos meus paisanos e apegado á súa terra". "O seu amor a Galicia foi e será sempre algo máis que un sentimento que define a súa personalidade, senón que forma parte da súa propia esencia, da súa forma de ser e da súa forma de afrontar os problemas que a vida lle foi poñendo diante. Pero ao mesmo tempo, o seu patriotismo, o seu amor a España, fundiuse nun abrazo con esa espléndida galeguidade", engadiu.

Alberto Núñez Feijóo insistiu igualmente no recoñecemento do compromiso do ex presidente da Xunta coa súa terra e o seu "galeguismo amable". Para o presidente da Xunta, Galicia identifícase con Fraga "porque Fraga se identifica con Galicia".

Apuntou que a pegada de Manuel Fraga está presente en todos os lugares de Galicia de hoxe e, sobre todo, está viva no sentimento de miles de galegos de varias xeracións. "Soubo chegar, soubo estar aquí e sabe estar agora con nós na distancia, cunha elegancia sublime que o converte en exemplo para políticos do presente e do futuro", concluíu.

Acordo plenario
O Pleno da Corporación aprobara na súa sesión ordinaria do mes de setembro dedicarlle unha rúa da cidade ao ex presidente da Xunta de Galicia polo seu traballo en prol da capital galega. A Xunta de Goberno local adxudicoulle logo o viario correspondente, unha avenida cunha carga simbólica importante, xa que une a urbe co complexo do Gaiás, auspiciado e posto en marcha durante a presidencia de Manuel Fraga, que apostou por Santiago para a súa ubicación.

Documentos relacionados



Compartir: