ALCALDÍA

Conde Roa: "Non imos tolerar que Santiago sexa lugar de ensaio de guerrillas urbanas"

24/11/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, condenou os actos violentos da noite do mércores, producidos horas despois do desaloxo da Sala Yago. "Non imos tolerar que Santiago se converta en ningún lugar de ensaio para grupos de guerrillas urbanas nin de creación de experimentos que sementen a intranquilidade á cidadanía e poñan en perigo a orde nesta cidade", indicou.

Antes de visitar as principais rúas afectadas polos actos violentos, Conde Roa expresou o seu agradecemento ao Corpo Nacional de Policía pola súa actuación no desaloxo da Sala Yago. Estendeu este agradecemento ao delegado do Goberno, José Manuel Pose, e tamén ao titular do xulgado de instrución nº 2, José Antonio Vázquez Taín, pola "rapidez á hora de adoptar as medidas necesarias para a intervención policial". Ademais, amosou a súa solidariedade cos propietarios dos inmobles afectados, fundamentalmente pola rotura de vidros.

Tras denunciar o "intento de xerar unha situación de tensión na cidade" díxolles aos seus autores que "nos van a ter en fronte e poremos todos os medios ao noso alcance para evitar situacións como a desta noite". Neste sentido, indicou que se vai a proceder a "revisar todos os locais onde se poden xestar este tipo de actos e se hai o mínimo resquicio legal vanse pechar", apuntou o alcalde.

"Non nos vai tremer a man en poñer na rúa aos que se reúnen para atentar contra os bens e cidadáns de Santiago", insistiu Conde Roa, afirmando que determinados colectivos "están intentando facer de Santiago un escenario publicitario deste tipo de actos."

"Redobraremos os nosos esforzos no que de nós dependa", indicou, en referencia a estes labores de inspección e aos propios labores de vixilancia da Policía Local. Neste sentido, pediu tamén aos responsables políticos e policiais que "extremen as cautelas para que situacións desta natureza non se volvan a producir", vixiando a uns grupos que "xa demostraron a súa violencia". Finalmente, anunciou que o Concello se persoará como acusación contra os detidos e que reclamará os danos producidos no mobiliario urbano.

Danos en vidreiras e mobiliario urbano
Xunto ao alcalde compareceu en rolda de prensa o concelleiro de Seguridade Cidadá, Albino Vázquez, quen explicou que se tratou de actos violentos "premeditados". Así, indicou que en torno ás 20:00 horas se producira unha concentración dunhas 400 persoas na Porta do Camiño, respondendo a un chamamento a través das redes sociais. Logo realizaron un percorrido polo casco vello, para dirixirse finalmente á Praza Roxa, a onde chegaron en torno ás 22:00 horas, relatou.

"Entón disolvéronse e un grupo dedicouse a queimar colectores do lixo e tirar papeleiras para chamar a atención das forzas de seguridade", engadiu. Mentres tanto –concluíu- outro grupo causou disturbios en rúas como Doctor Teixeiro e Santiago de Guayaquil. Oito locais víronse afectados por roturas nas vidreiras e tamén se esnaquizou unha cabina, afirmou o edil.

Compartir: