REHABILITACIÓN

Ampliado o prazo de solicitude das axudas de rehabilitación para a ARI de Pontepedriña

23/11/2011 A Xunta de Goberno aprobou nunha sesión extraordinaria a ampliación do prazo para a presentación de solicitudes de axudas á rehabilitación de edificios e vivendas na Área de Rehabilitación Integral de Pontepedriña (grupo de vivendas Compostela e Cardenal Quiroga). Tamén se ratificaron as bases para a convocatoria de axudas da 12ª fase da ARI do Casco Histórico.

A concelleira de Rehabilitación e Cidade Histórica, María Pardo, explicou que a ampliación deste prazo ata o 30 de decembro –inicialmente o prazo pechábase o 15 de decembro- obedece a que este é o primeiro ano que se convocan axudas para esta ARI. "Algúns veciños aínda nos teñen formulado dúbidas que intentaremos solucionar", indicou. No caso do ARI do Casco Histórico, o prazo límite mantense no 15 de decembro.

Acompañaron á edil na rolda de prensa os técnicos municipais Fernando GarcíaTobío e Marina Sandamil. Esta última recordou que estas axudas están destinadas tanto á rehabilitación das vivendas como de zonas comúns destas ARI. No caso das vivendas, o orzamento máximo protexible é de 13.000 euros, e o mínimo de 1.000 euros. Para a rehabilitación de zonas comúns o importe varía en función do tipo de actuación.

Para levar a cabo estas rehabilitacións debe haber acordo da comunidade de propietarios. A partir de aí, é cada veciño o que solicita a axuda que lle podería corresponder. Na asignación das axudas para vivendas téñense en conta os ingresos familiares, mentres que nas das áreas comúns dependen dos elementos a rehabilitar.

Ademais destas axudas, existe a posibilidade de subscribir un préstamo convido, sen intereses nin gastos de formalización, que cubriría o importe entre o orzamento máximo protexible e a subvención concedida. A propósito da ARI de Pontepedriña, María Pardo apuntou que hai catro edificios en vías de solicitar a súa rehabilitación.

Compartir: